Estes son 'Ixaro' e 'Bonanza', os decanos do primeiro catálogo de arroaces de Galicia

A CEMMA está traballando nun catálogo de fotoidentificación con máis de 70.000 imaxes tomadas nas dúas últimas décadas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/06/2019 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

A Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños-CEMMA puxo en marcha o pasado mes de decembro o proxecto "TurGaSur: seguimento e mellora do coñecemento da Unidade de Xestión Tursiops truncatus Galicia Sur en áreas Rede Natura 2000", co apoio da Fundación Biodivesidad do Ministerio para la Transición Ecológica e adherido ao Life Ip Intemares, o maior proxecto de conservación mariña que se está a desenvolver nestes momentos en Europa.

Aleta dorsal do arroaz Bonanza. Fotografía correspondente ao seu último rexistro en Galicia. Mostraxe TGS02 do proxecto TurGaSur, realizada o 15/01/2019 nas augas da ría de Vigo / Cemma.
Aleta dorsal do arroaz Bonanza. Fotografía correspondente ao seu último rexistro en Galicia. Mostraxe TGS02 do proxecto TurGaSur, realizada o 15/01/2019 nas augas da ría de Vigo / Cemma.

Unha das principais accións que se están desenvolvendo no proxecto é a elaboración do Catálogo de fotoidentificación de arroaces, no que están incluídos todos os exemplares que foron rexistrados e identificados a través das fotografías das súas aletas dorsais.

Para a elaboración do catálogo foi preciso revisar e catalogar máis de 70.000 fotografías, que foron realizadas pola CEMMA ao longo dos últimos 20 anos. Nestes momentos, o catálogo conta con máis de 580 aletas diferentes, das que se levará a cabo unha selección daquelas que corresponden aos animais que presentan unha maior taxa de recaptura, contando con rexistros repetidos ao longo de máis de dous anos diferentes.

Agárdase que o número final de arroaces incluídos no catálogo chegará á cifra de 130 individuos, entre os que destacará un grupo de máis de 85 exemplares que son os que contan cun maior número de recapturas ao longo dun período mínimo de cinco anos. Algúns destes exemplares mesmo foi recapturado fotográficamente ao longo dun período de 19 anos.

O catálogo de fotoidentificación será editado proximamente pola CEMMA, e ademais das imaxes das aletas dorsais dos arroaces, contará cun bloque de información específico para difundir un código de boas prácticas, dirixido especialmente á náutica de recreo, co obxectivo de que as persoas que navegan a bordo destas embarcacións teñan coñecemento de que os cetáceos son especies protexidas, e que existe unha normativa (Real Decreto 1727/2007, de 21 de decembro, por el que se establecen medidas de protección de cetáceos) na que se indica que existe unha zona de permanencia restrinxida para as embarcacións situada a 300 metros dos animais, e outra de exclusión, que non pode ser rebasada, establecida a 60 metros de distancia, informa a CEMMA.

Aleta dorsal do arroaz Ixaro. Fotografía correspondente ao seu último rexistro no 2018, nas augas da ría de Vigo
Aleta dorsal do arroaz Ixaro. Fotografía correspondente ao seu último rexistro no 2018, nas augas da ría de Vigo | Fonte: Cemma.

IXARO E BONANZA

Nese catálogo, dous exemplares son considerados os decanos dos arroaces en augas de Galicia. Trátase de Ixaro e Bonanza.

O arroaz Ixaro foi rexistrado fotograficamente por primeira vez nas augas de Galicia no ano 2000. Mentres que a primeira captura fotográfica de Bonanza é do ano 2001, sendo recapturado posteriormente case de maneira continua cada ano, en diferentes puntos da costa galega, principalmente nas Rías Baixas. O seu último rexistro realizouse o 15 de xaneiro de 2019 nas augas da ría de Vigo.

Estes dous exemplares son os dous decanos e vellos coñecidos dos estudios de fotoidentificación dos arroaces en Galicia. Os científicos da CEMMA consideran que poderían ter superado os 30 años de idade, pois todo apunta a que, no seu primeiro rexistro, xa eran animais adultos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta