A CIG denuncia o "abusivo" peche de camas para o verán nos hospitais da área de Santiago

O sindicato denuncia o peche de case a metade dos quirófanos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2019 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

A CIG-Saúde censurou o intento da Xerencia da área sanitaria de Santiago de Compostela de tentar normalizar o "abusivo" peche de camas nos hospitais durante o período estival. O sindicato cualifica de "absurdo" o argumento do descenso na actividade asistencial, a falta de persoal para substitucións e a necesidade de acometer obras de acondicionamento.

Clínico de Santiago
Clínico de Santiago | Fonte: EP.

"Pechar de súpeto sete dos 15 quirófanos do Clínico dicindo que hai que facer reformas é unha moi mala desculpa para pechar camas", asegura a central nacionalista.

Fronte a iso, afirmou que durante o verán non pode diminuír a actividade asistencial tendo en conta que "as poboacións das zonas de costa, como mínimo, duplícanse nesa época e as vilas do interior tamén se enchen cos centos de persoas que veñen de fóra".

En todo caso, a CIG subliña que as persoas tamén enferman no verán e considera que non se está facendo unha "xestión eficiente e eficaz" ao "paralizar as listas de espera de verán para baixalas despois traballando arreo no último trimestre" con "peonadas e horas extra".

O sindicato nacionalista defendeu unha xestión sanitaria "continuada" durante 365 días ao ano baseada nunha "atención de calidade e centrada no paciente". "Non se pode deixar os hospitais a medio gas, xa que iso implica un incremento de traballo tanto en atención primaria como en PAC", sinala.

A CIG tamén acusa a xerencia de "parchear" a falta de profesionais médicos "inventando un sistema destrutivo cunha lista de voluntariado para gardas médicas localizadas" que, segundo denunciou, "sobrecargan os traballadores".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta