Temas: EMPRESA CEP CEG

Guerra aberta entre a patronal galega a Confederación de Empresarios de Pontevedra

A CEG acusa a CEP de causar "grave dano" á súa "imaxe e prestixio", tras anunciar a súa saída.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2019 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) acusa á organización provincial de Pontevedra de causar "grave dano" á súa "imaxe e prestixio", tras o anuncio da súa saída da patronal galega.

Nun comunicado, a CEG aclara que "en todo momento" a súa información económica e contable está "a disposición das organizacións membro, entre as que se atopa a CEP, que coñece de primeira man cal é o estado financeiro, polo que non se pode falar de opacidade na organización a este respecto".

CEG.
CEG.

Puntualiza, en segundo lugar, que o borrador de contas do exercicio pechado a 31 de decembro de 2018 foi trasladado aos vogais do órgano de goberno da CEG o pasado 16 de maio. "Ese borrador de contas foi incluído como punto da orde do día da reunión da Xunta de Vicepresidentes celebrada o pasado 21 de marzo", engade.

En terceiro termo, rexeita que o seu tesoureiro se negase a asinar máis gastos que as nóminas e as cotizacións sociais, "pois tras a celebración do último comité executivo da patronal galega o pasado 4 de xuño se asinaron todos os gastos polo actual tesoureiro da organización, gastos que por outra banda son recorrentes e autorizados xa polos órganos de goberno estatutariamente competentes, nos cales tamén ten presenza a CEP".

Na mesma liña, a patronal galega sinala que "está a cumprir puntualmente con todos os seus compromisos e obrigacións de pago e atópase, ademais, nunha situación de absoluta solvencia económica, como xa coñecen as súas organizacións membro".

En cuarto lugar, a CEG destaca que "non recibiu comunicación oficial algunha da CEP na que se lle dea traslado dos acordos dos seus órganos de goberno en virtude dos cales abandonan temporalmente os órganos de goberno da entidade".

"Tendo en conta que a CEP forma parte dos órganos de decisión da CEG, non se entenden as acusacións de falta de transparencia nin opacidade formuladas pola patronal pontevedresa que propiciarían tal decisión", subliña a nota de prensa.

Agrega que "membros da CEP representan a patronal galega en procesos tan importantes como o do diálogo social e teñen presenza noutras institucións e foros no seu nome, e á vez executan proxectos concedidos á CEG".

Finaliza con que, "por tanto, resulta canto menos chocante realizar acusacións públicas sobre a CEG que comprometen a súa imaxe e bo facer".

"Non é a primeira vez que a CEP anuncia unicamente tamén nos medios de comunicación a súa marcha da CEG, tal e como pode comprobarse nas hemerotecas", apostila.

Temas: EMPRESA CEP CEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta