O PP responde as críticas pola súa política mineira cos resultados das eleccións en Touro e O Pino, onde arrasou

En Marea alerta de que á Xunta "se lle acumulan" as "sentenzas e imputacións" contra a súa política.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2019 | Actualizada ás 19:40

Comparte esta noticia

O deputado de En Marea Antón Sánchez alertou de que á Xunta "se lle acumulan" as "sentenzas, informes e imputacións" que, para o tamén portavoz nacional de Anova, laminan a "credibilidade" do Goberno galego á hora de asegurar que os proxectos mineiros en Galicia "cumpren a legalidade vixente".

Pancarta en contra da mina de Touro-O Pino
Pancarta en contra da mina de Touro-O Pino | Fonte: Plataforma Mina Touro-O Pino Non

Así o indicou durante o debate dunha proposición non de lei presentada polo grupo do partido instrumental sobre os informes da asociación ecoloxista Adega acerca dos datos de analíticas da auga na contorna da antiga mina de Touro.

Fronte a iso, o deputado popular Moisés Blanco respondeu a En Marea que o PP logrou senllas maiorías absolutas nos municipios coruñeses de Touro e O Pino, onde se sitúa o proxecto da mina e nos que "os partidos que levaban como bandeira o 'non á mina', perderon". De feito, o PP superou o 50 por cento do apoio veciñal en ambos os municipios.

"Agora botaranlle a culpa ao pobo alienado e ignorante", ironizou Moisés Blanco, que reivindicou que os populares defenden os proxectos mineiros que "respectan a legalidade e crean postos de traballo e riqueza".

Pola súa banda, Antón Sánchez tamén aproveitou a súa intervención para lembrar que a pasada semana se coñecía outro informe, neste caso do Defensor do Pobo, que avisaba de que o proxecto de Atalaya Mining para a reapertura e ampliación da mina de Touro-O Pino tramítase sen unha avaliación ambiental completa e con expedientes sancionadores insuficientes.

"A falta de credibilidade da Xunta á hora de dicir que se cumpre a legalidade vixente, ese é o peor inimigo para a minaría do futuro", aseverou Sánchez, quen recibiu o apoio explícito do deputado nacionalista Xosé Luís Rivas 'Mini', que afirma que "non está en cuestión a minaría" como negocio, senón que se debate "os custos" que supoñen as explotacións "descontroladas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Uang Ho

Os alemáns tamén lle votaron a Hitler e acabaron bastante mal. Tomtoms hainos en todos lados e barrigas agradecidas tamén. Pero PPepótero ten un problema: cada vez teñen menos poder e manexan moito menos diñeiro e hai pelexas dentro porque non hai onde colocar os seus. Por iso é moi importante quitarlles poder e con el os orzamentos que manexan en todo lugar que se poda. Isto é para aqueles que din que facer pactos en concellos ou deputacións é por intereses propio... E logo? Hai que deixarlles gobernar e que sigan facendo o que lles pete e comprando vontades con eses cartos que manexan? Isto non é incompatible con ser crítico coas deputacións nin loitar pola súa desaparición.

2 Mulán

Excusa non pedida.... O PP ó seu, son os amos do país e os galegos somos os seus servos. Galiza é un negocio e o capitalismo distes liberais non atende a razóns (ecoloxía, patrimonio, etc). No meu concello arrasou o PP logo de arrasar o monte a eucaliptazos, cotos, etc. A carretaxe do día das eleccións tampouco contou no resultado... Cínicos hipócritas sen vergoña.

1 Gustavo

En Touro non arrasou, o PP sacou 6 e a oposición 5, e iso non é arrasar, aparte que o PP perdeu en boa parte do municipio agás na capital e contornas. Por outra parte, esto é unha declaración do PP de que van legalizar contra todas as evidencias a macromina de cobre? Que o digan dunha p. vez!