Abanca conclúe a integración dun banco de Portugal e alcanza os 79.000 clientes no país luso

A entidade finalizou "con éxito" a integración de Deutsche Bank PCB Portugal. Todos os usuarios reciben xa servizo desde a plataforma Abanca "en condicións de plena normalidade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2019 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

A entidade Abanca finalizou "con éxito" a integración de Deutsche Bank PCB Portugal, o que lle permite xestionar un volume de negocio de 7.363 millóns de euros no país luso e situarse como décima entidade financeira do mercado portugués, tanto por recursos de clientes como por crédito.

A entidade, que preside Juan Carlos Escotet, presta servizo a case 79.000 clientes en Portugal, entre particulares e empresas, a través dunha rede comercial formada por 70 puntos de venda en 16 dos 20 distritos portugueses e con preto de 500 profesionais.

Tras o anuncio de adquisición de Deutsche Bank PCB Portugal en marzo de 2018, este fin de semana completouse o proceso, "con total normalidade e sen impacto sobre o servizo aos clientes", segundo informou Abanca nun comunicado este mércores.

Todos os clientes reciben xa servizo desde a plataforma Abanca "en condicións de plena normalidade". A medición de 1.109 parámetros permitiu verificar unha calidade do 100% no traspaso da información. Por parte de Abanca, o proceso foi executado por un equipo de 430 profesionais que, en conxunto, investiron un total de 290.000 horas de traballo.

Os puntos de venda e sedes corporativas mostran xa a marca Abanca, que foi implantada en 2.500 soportes corporativos por un equipo de 100 persoas durante o fin de semana. A entidade, que contaba cunha experiencia previa de 19 anos no mercado portugués, fixouse como obxectivo para 2021 alcanzar un volume de negocio de 9.400 millóns e situarse como un dos bancos de referencia no país.

Para iso, apoiarase nun modelo que a empresa define como "innovador e diferencial", baseado na combinación de atención persoal e banca a distancia (en liña e telefónica), o servizo a través de unidades especializadas, a sinxeleza e transparencia na contratación e xestión de produtos e servizos e a orientación internacional.

Tras a integración, Abanca xestiona un volume de máis de 82.000 millóns no conxunto de España e Portugal. No país veciño, o negocio de 7.363 millóns repártese entre 4.065 en recursos de clientes e 3.298 en crédito.

Abanca conclúe a integración de Deutsche Bank PCB Portugal e alcanza os 79.000 clientes no país luso. ABANCA
Abanca conclúe a integración de Deutsche Bank PCB Portugal e alcanza os 79.000 clientes no país luso. ABANCA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta