O negocio dos macrofestivais: forte investimento público mentres se retiran axudas a pequenos concertos

A Xunta de Galicia financia con 2'5 millóns O Son do Camiño, un festival de música que pretende igualarse cos grandes festivais do resto de Estado aínda que a súa competencia en ningún caso conta cunha inxección de cartos públicos tan grande. Pola súa banda, o Festival Arteficial de Ribadavia perdeu a axuda que a Administración galega levaba proporcionándolle os últimos anos. Por outra banda, eventos como o FaCeLa Fest debe convivir co Caudal Fest, outro festival enorme que non compite en igualdade de condicións.

Por Brais Nogueira | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Estes días está a celebrarse a segunda edición do Son do Camiño, un macrofestival celebrado no Monte do Gozo de Santiago de Compostela e que este ano traerá a bandas mundialmente coñecidas como Black Eyed Peas, Iggy Pop, The Hives ou Rosalía. Este evento, que cumpre a súa segunda edición, está financiado con 2’5 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia e en teoría serve para a promoción do Xacobeo 2021. Pola contra, esta mesma semana podía  o festival Arteficial de Ribadavia, organizado por unha asociación sen ánimo de lucro, denunciaba que este ano quedaba sen financiación por parte da Administración galega.

Vetusta Morla durante o Caudal Fest
Vetusta Morla durante o Caudal Fest | Fonte: Emilio Romanos - LX

O Son do Camiño aspira a ser un dos festivais máis grandes de todo o Estado pero o fai a partir dun investimento público moi notorio. Se vemos cara fóra, isto é un suceso que canto menos, chama a atención. Os festivais que máis cartos ingresan por parte das arcas públicas son o Mad Cool de Madrid e o BBK de Bilbao, ambos en torno aos 1’4 millóns de euros. Cabe destacar tamén que estes eventos contan cunha asistencia moito maior. O resto de competidores, como o Caso do Arenal Sound ou o FIB de Benicássim, en ningún caso chegan ao millón de euros de axudas públicas. Ademais, o número de bandas galegas que conforman o festival celebrado en Compostela é baixo, pero as que empregan o galego pódense contar cos dedos dunha man tendo en conta os carteis de ambos anos.

Ainhoa Viñuela, unha das organizadoras do Arteficial, explica a situación do festival respecto á Xunta: “No 2018, segundo o DOG tiñamos a puntuación máis alta das propostas presentadas e recibiamos só 619 euros. A verdade é que foi unha sorpresa comprobar que non levabamos nada este ano”, aínda que admite que nos últimos anos viron minguados os cartos que a Administración galega lles concedía. “Tivemos que recorrer á xenerosidade das persoas que acoden ao festival e crear a figura de socio para poder subsistir con garantías”, explica.

Ademais, quéixase de que a precariedade orzamentaria “queima moito” porque as persoas que están a encargarse do evento deben dedicar moito máis tempo ás tarefas económicas e de xestión que a parte creativa. “Para nós a parte da programación é moi importante, máis cando intentamos conseguir unha oferta interxeracional e incluír grupos galegos e de mulleres, aínda que non sempre sexa posible pola limitación de cartos”.

O número de bandas galegas que conforman o festival celebrado en Compostela é baixo, pero as que empregan o galego pódense contar cos dedos dunha man

Festival O Son do Camiño.
Festival O Son do Camiño. | Fonte: O SON DO CAMIÑO

Para Manuel Araújo, outro dos colaboradores do festival, a retirada da subvención responde a uns cambios nas normas respecto a anterior convocatoria: “Agora a Xunta xa non financia festivais dun só día e obriga a que haxa un rexistro de entradas e unha contabilidade e isto cando se trata dun evento gratuíto como o Arteficial, é máis complicado e necesita un investimento de cartos que non temos”, explica. O total do orzamento do festival ronda os 15.000 euros.

Respecto a celebrar o evento nunha soa xornada, é claro: “Nós establecemos un regulamento interno de convivencia coa cidadanía que nos obriga a facelo. Ribadavia é unha localidade envellecida, polo que a moita xente lle molestarían os ruídos. Para non perturbala, establecemos tamén a hora de peche nas doce da noite”.

Para Araújo, é fundamental destacar que aínda que non hai un retorno económico directo para a organización, para Ribadavia si. “Consúmese moito na vila e ademais esgótanse todos os aloxamentos dispoñibles para o día do festival”. Ademais, sostén aínda que o festival non sexa unha actividade que busque acadar o lucro, “ten que ser sostible, se non, non se pode organizar”.

Viñuela cre que esta situación se debe a que “están a quitar cartos a pequenos colectivos para redistribuílos doutros xeitos”, mentres que para Araújo isto responde a que “as prioridades do movemento económico vai cara macrofestivais” e abre a porta a que se creen “axudas especificamente para as asociacións sen ánimo de lucro”.

O CAUDAL FEST, OUTRO ENORME EVENTO

O Son do Camiño non é o único macrofestival que xurdiu en Galicia nos últimos anos, tamén o fixo o Caudal Fest en Lugo, organizado pola sociedade limitada Old Navy Port Producciones, empresa que tamén figura na organización do evento organizado estas xornadas no Monte do Gozo compostelán (en ambas coa colaboración de EsmerArte Industrias Creativas) e do Resurrection Fest , un famoso festival dedicado ao metal e ao hardcore que se celebra cada ano en Viveiro.

O Caudal convive na localidade con outros eventos de menor tamaño, como o FaCeLa Fest, que xa ten tres edicións ás súas costas. O seu director, Celestino Muinelo, non está de acordo co modelo de festivais que fomentan as administracións públicas “Chámame moito a atención que o Caudal Fest xurdira da nada e de repente teña un orzamento de 217.000 euros por parte do Concello de Lugo dun xeito un tanto opaco”. Denuncia que isto ten consecuencias na competencia: “Poden vender entradas por debaixo do prezo de mercado porque van ter retorno económico igualmente”.

Muinelo está de acordo en que haxa festivais “de todos os tipos”, pero considera que todos deben gozar das mesmas oportunidades: “Nós temos unha financiación practicamente privada e arriscámonos todos os anos a perder cartos, máis no noso caso que tentamos ter unha programación diferente á habitual”.

“Chámame moito a atención que o Caudal Fest xurdira da nada e de repente teña un orzamento de 217.000 euros por parte do Concello de Lugo dun xeito un tanto opaco”

Detalla que a financiación dos grandes festivais veñen de partidas de Turismo e de Cultura. “Pero que clase de turismo e cultura traen este tipo de festivais?”, pregúntase. “Son lugares onde prima o mercantilismo e a música pasa a un segundo plano”. Pola súa banda, Viñuela vai un paso máis aló e cualifica de “tolemia e incluso obsceno” que se dean casos como o do Son do Camiño onde a Xunta de tantos cartos a unha empresa privada. “A distribución non é nada xusta actualmente”, apostila.

Araújo sinala tamén que “por lei, un festival soamente pode percibir un 25% do seu orzamento en axudas públicas e no caso do Son do Camiño as cousas non me cadran, non ten unha infraestrutura suficiente para custar iso”. Como mínimo o festival compostelán debería gastar dez millóns de euros para axustarse á normativa. “Ninguén vai dar contas dos beneficios que produce o festival, porque os resultados son opacos. Os retornos de cartos ás cidades que saen en moitos medios son irreais e ata un neno podería facelos cunha calculadora”, engade Muinela.

PEQUENOS FESTIVAIS UNIDOS

Para o director do FaCeLa, a única saída para que os festivais pequenos e medianos teñan unha mellor consideración por parte dos órganos públicos é asociarse para poder exercer presión xuntos e así mellorar as súas condicións. “Sería mellor cousa que lanzar o noso desencanto por redes sociais, que iso nunca soe funcionar”.

Araújo di que non coñece o sentir dos demais festivais galegos “porque non o expresan, non sei se é por medo ou por que” Facendo un símil no eido deportivo, Muinela considera que esa é a única forma de que “os equipiños modestos de segunda división dean a sorpresa e poidan aspirar a ascender cara a primeira”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta