O Parador de Muxía prometido despois do 'Prestige' estará "a pleno rendemento" en 2020, 18 anos despois

"Chegamos, despois de tantísimos anos, pero chegamos", destaca a secretaria de Estado de Turismo.

Por Europa Press / Redacción | | 13/06/2019 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

O Parador de Muxía (A Coruña) que prometeu o Goberno de José María Aznar dentro do 'Plan Galicia', aprobado en 2003 após o afundimento do 'Prestige' en 2002 fronte ás costas galegas, estará "a pleno rendemento" antes da Semana Santa do ano que vén, isto é, 17 anos despois do seu anuncio e pasados 18 anos da catástrofe ambiental.

Imaxe do Parador de Baiona
Imaxe do Parador de Baiona | Fonte: PARADORES

Así o anunciou este xoves o presidente de Paradores, Óscar López, durante unha visita ás obras xunto á secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver Sagreras. As actuacións arrincaron en 2011, nunha 'colocación da primeira pedra' que contou coa presenza dos por entón ministros de José Luís Rodríguez Zapatero Miguel Sebastián (Industria, Turismo e Comercio) e Francisco Caamaño (Xustiza).

A secretaria de Estado destacou que as obras están "avanzadísimas" (ao 98% segundo o ministerio), tanto que "o máis seguro é xa que en agosto Tragsa, a empresa que construíu o Parador, faga entrega deste hotel". Así, mostrouse "encantada" de "poder inaugurar proximamente" un parador nesta zona, "un sitio marabilloso" onde "vai poder achegar" e "completar unha oferta de aloxamento que agora mesmo non ten".

"Chegamos, despois de tantísimos anos, que o estabamos comentando, pero eu quédome con que chegamos. Tivemos a gran sorte, vantaxe, de poder estar aquí hoxe, case todo a punto, e que sexa unha realidade para Muxía, para esta costa", subliñou, nun acto que contou coa presenza da subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo e a directora de Turismo da Xunta, Nava Castro.

DE ALTA GAMA

López, pola súa banda, valorou as "instalacións verdadeiramente espectaculares" que darán acollida a un parador de "alta gama", do que se mostrou convencido que será "un dos mellores" de España. É, de feito, segundo resaltou, "unha mostra do que van ser os paradores do século XXI, perfectamente integrado na paisaxe" xa que "non soamente non agride, senón que suma á zona".

Finalmente, dispón de 63 habitacións, ademais de spa, piscina e xardíns. Todo isto, xunto á súa contorna, "fano" para o presidente de Paradores "un produto marabilloso que vai axudar ao desenvolvemento turístico de Galicia e da Costa da Morte", con "un potencial brutal desde o punto de vista turístico".

Paradores farase cargo deste hotel "axiña que" se lle entregue "a finais de agosto". "Todos os equipos" están "preparados e traballando para proceder á contratación de persoal, comprar o mobiliario, a decoración e o que supón a posta en marcha dun parador", apuntou Óscar López.

Fará "especial referencia á arte galega" e a intención é "que se abra canto antes", aínda que non anunciou unha data concreta porque "haberá que pór de acordo a todas as administracións".

Iso si, garantiu "que cando empece a próxima temporada de turismo" estará listo. "Desde logo, antes da Semana Santa próxima, este parador estará a pleno rendemento e funcionando ao 100%", resolveu. Sobre as súas tarifas, indicou que irán "en función da demanda, da contorna e do que creza", convencido de que será "un motor de desenvolvemento na zona" e de que a Costa da Morte "empezará a ser máis destino turístico do que é hoxe" cando estea inaugurado o parador.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta