Da Real Filharmonía a Labordeta

Sitúense nun concerto da Real Filharmonía de Galicia. O público coñece exactamente o protocolo, sabe cando hai que gardar silencio, cando hai que romper en aplausos, os móbiles adoitan estar en off e ninguén se ergue no medio da interpretación a risco de sufrir olladas asasinas dun veciño de fila melómano.

Por Mariña Pérez | Ames | 14/02/2012

Comparte esta noticia

Despois de todo, Schumann meréceo e o violonchelo solista é admirado desde o máis absoluto respecto. Uns minutos despois, aquel hipotético individuo asistente ao acto xa volve ser un perfecto maleducado no párking (permítanme o anglicismo). Móvese pola présa, polo desexo de adiantar a outros conxéneres; abusa da bucina, da estatura e do improperio, talvez  meta o dedo no narís ( permítanme o seseo implosivo) e desde logo, xa non sente as mans de ouro do chelo no seu ouvido. Aí temos a  Robinson adaptándose ao medio natural, entramos de novo na xungla urbana, ou, en terra de lobos … (déanlle bo remate ao refrán).

No lado oposto, supoñemos que Venres interrompería a orquestra cun aplauso espontáneo, a destempo e fóra de compás, ou talvez o salvaxe bocexase tan ruidosamente que sería recriminado polos asistentes cultos. A cuestión é que non habería grandes diferenzas de comportamento cando fose recoller o seu vehículo, porque a súa educación é continua. Por iso, seguro que el metería o dedo no narís.

Hai  formalismos que están deseñados para un determinado momento no que se admira a exquisitez, a beleza puntual. Son as formas momentáneas. A boa educación pola contra é atemporal, obedece a unha lei de gravidade innata, continuada, perseverante en calquera circunstancia. Discorre paralela á civilización pero non  a toca. Ten que ver coa elegancia que imprime o latexo dun corazón, coa sensibilidade da pel.

Entre os formalismos absurdos temos os principais parlamentos europeos. Persoalmente quedo co show italiano porque se me asemella por momentos  á Commedia dell´Arte. Os ingleses representan encarnizadas liortas entre lores anticuados e indumentaria e mobiliario rancios. No Cáucaso chegan ás mans, é demasiado evidente. No panorama español abúsase do “Señorías” ( que xa parece un imperativo legal) para a continuación cravarse o aguillón sen tregua. Así debeu ser como viñemos caer na escenografía nacional da burla,  pornografía do que tiña que ter sido a educación e non foi: a gargallada do político corrupto que ri na cara de todo un país. En directo. Neste tipo de  perversións maquiavélicas, o taparrabos malamente disimula a conta bancaria en paraísos fiscais e a vulgaridade adquirida con tesón. Seguramente, a Venres, se lle ía cruzar un inspector de Facenda (que non somos todos)  ata facerlle a vida imposible porque- incivilizado el- non sabe usar ben a luva branca.

E sen querer, non me pregunten por que, veume ao acordo o día en que un Labordeta iracundo lle espetou aos cans de presa que o acurralaban no Congreso aquela frase, hoxe pódese dicir que premonitoria dun estado de ánimo nacional, igualatoria, catártica: “Váyanse a la mierda, joder!” Volvino ver en Youtube, sen máis sensacionalismos, e a min semelloume que en efecto, o home perdeu as formas, pero que considerado en conxunto e con perspectiva temporal, resultaba ben educado polo que tiña de coherencia cos seus principios, de sensibilidade e decencia, malia que o foro o desmerecese.
 

Hoxe vanme permitir que faga meu o berro de Labordeta, con toda a súa carga de indignación e de dignidade,  porque  nesta caste de mandrágora estupefaciente que nos fan tragar a diario, unha leva mal o silencio da resignación, o sixilo e a cautela  que provoca o temor a que  medre aínda máis a humillación, ese estudado estado de shock social. Digo que aínda prefiro que soe un móbil no medio e medio dunha aria. Digo que o improperio botado con clase pode estar do bando da boa educación, porque quere dicir que aínda circula o sangue, que hai vida, sensibilidade, valentía contra os merdentos burócratas das formas.

Comparte esta noticia
¿Gustache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gustache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Mariña Pérez Rei Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.