As persoas xordas reclaman unha maior protección xurídica para as linguas de signos

O colectivo reclamou que se incorporen as linguas de signos españolas no artigo 3 da Constitución para situalas "ao mesmo nivel que o resto" de idiomas do Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2019 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

Galicia conmemora este venres o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas. Trátase da quinta ocasión na que se celebra esta efeméride, e Santiago de Compostela uniuse a través da celebración dun acto simbólico na Praza do Obradoiro e a lectura dun manifesto para reclamar unha maior protección xurídica desta linguaxe e o recoñecemento á diversidade lingüística do Estado.

O acto estivo conducido pola concelleira en funcións de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, e contou coa presenza dos concelleiros Mila Castro e Pedro Rei, de PSOE e PP, e diversos membros da Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela.

O colectivo reclamou que se incorporen as linguas de signos españolas no artigo 3 da Constitución para situalas "ao mesmo nivel que o resto" de idiomas do Estado, ademais de baixo a protección da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Así mesmo, piden que se elabore unha Estratexia Nacional sobre ensino, uso, protección e promoción das linguas de signos españolas e que se introduzan como causa específica de discriminación na lexislación sobre igualdade.

O manifesto tamén insiste en que se contemplen estas linguas de maneira transversal na normativa e que se consideren desde a perspectiva dos dereitos lingüísticos. "O seu recoñecemento e exercicio son unha necesidade para vivir nunha sociedade xusta, digna, diversa e democrática. Quen usamos á lingua de signos española e catalá conformamos unha minoría lingüística e cultural, e os nosos dereitos han de verse garantidos, como os do resto", sinalan no texto.

Día Nacional da Lingua de Signos Española. CNSE - Arquivo
Día Nacional da Lingua de Signos Española. CNSE - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta