O socialista Xosé Sánchez Bugallo non descarta un pacto de goberno futuro, na súa volta á Alcaldía de Santiago

Volve ao cargo que xa ocupou de 1998 a 2011, tras tomar posesión na sesión plenaria deste sábado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2019 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

O socialista Xosé Sánchez Bugallo, volveu ao cargo de alcalde de Santiago que xa ocupou de 1998 a 2011, tras tomar posesión na sesión plenaria deste sábado, na que apelou aos tres grupos da oposición ao "diálogo" e a "unir esforzos" ao redor de "obxectivos compartidos" para a cidade.

Investidura de Xosé Sánchez Bugallo
Investidura de Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Europa Press

Sánchez Bugallo, visiblemente emocionado, recibiu os 10 votos a favor do PSOE, mentres que os 5 edís de Compostela Aberta, formación do ata agora alcalde Martiño Noriega, optaron pola abstención, e os 2 do BNG polo voto en branco, facilitando así a investidura. Os oito edís do PP apoiaron o seu propio candidato, Agustín Hernández.

Ante un goberno en minoría, nunha situación "semellante á da anterior corporación" pero "con actores diferentes", admitiu, no seu primeiro discurso como alcalde que unha situación "en minoría sen máis" tería "limitadas posibilidades de éxito".

Sánchez Bugallo "non" quixo "descartar" un pacto ou un acordo con outras formacións políticas para garantir a maioría, por ser unha "fórmula válida que ofreza estabilidade", pero mostrou a súa preferencia "con absoluta sinceridade" por un goberno en minoría, que busque "un escenario de diálogo e negociación permanente" e "sen exclusións".

O xa rexedor compostelán apelou en varias ocasións, nun discurso de case 20 minutos, a este diálogo ao redor de "obxectivos compartidos" para "unir esforzos".

"É moito máis o que nos une que o que nos separa ou, se me permiten dicilo doutra forma, únenos Santiago", incidiu o rexedor, na súa quinta toma de posesión como alcalde, na que "apelou" ás cuestións que lles "unen", para facer "xuntos" de Santiago un "referente para Galicia e para España".

"É unha apelación á responsabilidade compartida, á corresponsabilidade, a que cada quen, desde a posición que lle deron os cidadáns, senta parte desta tarefa conxunta e compartida de construír Compostela", sinalou.

O rexedor socialista instou así os tres grupos da oposición, sen citalos de forma directa, a que ante os "retos transcendentais" que terá que afrontar a cidade, se poñan as "condicións" para construír as "oportunidades do futuro": "Só se sabemos onde queremos chegar, cal queremos que sexa o papel de Santiago, poderemos identificar as oportunidades para a cidade".

"RETOS" PARA A CIDADE

Entre os retos para o futuro, situou cuestións como o Ano Santo 2021, o impulso á Universidade ou a situación da industria, o comercio e o turismo. Como eixo central, lembrou o documento asinado por todos os cabezas de lista por iniciativa da Cámara de Comercio co Foro Cívico.

O acordo recollía de forma expresa "cinco elementos craves para o futuro desenvolvemento" da cidade, que Bugallo sostén que terían que apoiar "todos" "sen fisuras": a industrialización, a estación intermodal, as infraestruturas, a EDAR e a modernización da administración municipal.

A estes, sumou o compromiso co rural e o seu saneamento, a revisión do modelo turístico ou a recuperación do Consorcio da Cidade de Santiago. Coa vista posta no próximo Xacobeo, anunciou que a "inmediata" posta en marcha dunha "comisión de traballo preparatoria" na que aspira a contar con "todos", con "cooperación e traballo común" coa Igrexa, Xunta e Goberno central.

Tamén se comprometeu co desenvolvemento do Plan Estratéxico de Compostela 2020-2030, para o que, na mesma liña, tamén pediu apoio de "todas e cada unha das forzas políticas".

O discurso de Sánchez Bugallo tampouco pasou por alto referencias persoais e agradecementos en primeira persoa e comprometeu "dedicación, lealdade e compromiso" para ser "alcalde de todos e todas as compostelás".

Sánchez Bugallo remarcou que o seu "norte" será servir a Compostela e a Galicia, pero desde a "humildade, paixón e compromiso", con "lealdade" e con "compromiso sen ambigüidades".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Picheleiro

Pactará co PP ?