Temas: BNG ELECCIóNS PP

O PP suma 18 alcaldías ás súas 131 maiorías absolutas e facilita dous gobernos do BNG

Só gobernarán xunto con Ciudadanos no Corgo e facilitan a investidura de dous alcaldes nacionalistas en Catoira e Mondariz.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2019 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

O Partido Popular de Galicia sumou este sábado 18 alcaldías ás súas 131 maiorías absolutas alcanzadas nas eleccións municipais do pasado 26 de maio, polo que o PPdeG gobernará en 149 dos 313 municipios de Galicia.

O PP dirixirá 33 concellos coruñeses, dos cales en 26 conseguiu maioría absoluta, mentres que noutros sete (Coristanco, Fene, Muros, Noia, Ribeira, Trazo e Val do Dubra) se fixo coa alcaldía con maioría relativa.

Acto do Partido Popular de Galicia.
Acto do Partido Popular de Galicia.

Na provincia de Pontevedra, os populares conseguiron nas pasadas municipais 22 maiorías absolutas, e este sábado alcanzaron outras dúas alcaldías máis. Son os casos de Pontecesures, onde gobernarán grazas ao apoio de Independentes de Pontecesures e Terra Galega; e Meaño, onde o farán en minoría.

Pola súa banda, o Partido Popular gobernará en 35 concellos lucenses. Deles, en 30 obtivo maioría absoluta. Nesta provincia deuse o único caso en Galicia onde o PP alcanzou un pacto de goberno con Ciudadanos. En concreto no municipio do Corgo.

En Ourense o PP conseguiu ata 57 gobernos municipais. Deles, en 53 obtivo maioría absoluta, nun, o caso de Punxín, gobernará grazas ao apoio de Compromiso por Galicia (CxG), mentres que noutro tres terá alcalde con maioría relativa.

Este é o caso, por exemplo, do concello de Ribadavia, onde o deputado autonómico do PP galego César Fernández Gil foi investido este sábado como alcalde en minoría cos votos dos cinco edís da súa lista. Ante a súa nova responsabilidade deixará o seu escano no Pazo do Hórreo.

Así mesmo, na capital ourensá o PP apoiou ao candidato de Democracia Ourensana (DO), Gonzalo Pérez Jácome, para que este conseguise a alcaldía, pero entrará no goberno.

Ademais, o PP facilitou este sábado que en dous concellos galegos o BNG se fixese coa alcaldía. Un deles é o caso do municipio pontevedrés de Catoria, onde os representantes locais do Bloque, "desatendendo" á dirección xeral do partido, pactaron co PP. No caso de Mondariz, o alcalde nacionalista necesitou dos votos populares para facerse co goberno.

Temas: BNG ELECCIóNS PP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta