O PP obvia o seu apoio ao Bloque en dous concellos e critica os acordos de Ciudadanos co BNG e PSOE

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado defende que o seu partido é "a única alternativa á esquerda e ao nacionalismo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2019 | Actualizada ás 20:17

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, criticou os acordos alcanzados a nivel local por Ciudadanos co BNG nun concello galego ou co PSOE noutra localidade e que demostrarían, na súa opinión, que os 'populares' son "a única alternativa á esquerda e ao nacionalismo".

Pabvlo Casado e Alberto Núñez Feijóo
Pabvlo Casado e Alberto Núñez Feijóo | Fonte: PPdeG.

Tellado valorou este domingo os resultados da constitución das corporacións municipais e tachou de "moi grave" a decisión dun edil de Ciudadanos de pactar en Malpica (A Coruña) con BNG e PSOE, para facer alcalde ao candidato socialista.

No entanto, a formación de Albert Rivera xa comunicou o mesmo sábado que tomaría medidas ante un apoio do edil de Cs que non fora autorizado polo Comité de Pactos.

Aínda que os votos de concelleiros do PP facilitaron dúas alcaldías do BNG en Galicia, en concreto, en Mondariz —os nacionalistas eran a terceira forza máis votada— e en Catoira (o cal causou malestar na dirección do BNG), Tellado alude a que Ciudadanos transmitira que tiña "vocación de illar ao independentismo".

Así, engade que tampouco se aplicou esa dinámica nas conversas para constituír un novo goberno na Deputación de Ourense, liderada polo PP durante máis de 30 anos, primeiro con José Luís Baltar e despois, desde 2011, co seu fillo, Manuel Baltar

Neste caso, Tellado acusa a Ciudadanos de mostrarse aberto "a pactar co PSOE e BNG para impedir que gobernase o candidato do PP, Manuel Baltar", que non obtivo maioría absoluta e que finalmente gobernará con apoio de Democracia Ourensana, cuxo candidato foi investido alcalde en Ourense co apoio do PP, onde quedou como terceira forza.

POLÍTICA DE PACTOS

O número dous do PPdeG tamén censurou o apoio de Ciudadanos en Galicia ao PSOE na Cañiza, onde os socialistas empataron a seis concelleiros co PP, que levaba gobernando 43 anos o municipio.

"A política de pactos de Ciudadanos en Galicia tamén privilexiou o PSOE en localidades como A Cañiza, onde o seu único concelleiro tivo que escoller entre apoiar á lista máis votada, a do PP, ou apostar polo apoio ao socialismo. Unha vez máis Ciudadanos elixiu os socialistas", censurou Tellado.

Por outra banda, lamentou a "falta de vontade" do resto de partidos para deixar gobernar a lista máis votada e lembrou que o PPdeG quería "chegar cun acordo que permitise asumir as alcaldías aos partidos que gañasen as eleccións", un pacto que "daría un plus de lexitimidade aos novos rexedores en xeral, e aos das grandes cidades en particular".

Ademais, explicou que cos resultados das eleccións do pasado 26 de maio, este acordo de deixar gobernar a lista máis votada permitiría que o PPdeG gobernase case a metade dos galegos. Con todo, o feito de examinar o escrutinio dos pactos postelectorais, ocasiona que esa cifra se reduza ata un 21,4%.

Por outra banda, o Partido Socialista "gobernará un 18% máis de cidadáns dos que o apoiaron maioritariamente nas urnas". Por iso, volveu reclamar a necesidade de que se abra unha "reflexión" sobre este asunto.

Por ese motivo, os populares "vense obrigados a xogar nun taboleiro que non lles gusta" imposto polo PSOE e BNG, o que "permite a estes partidos gobernar conxuntamente" nas Deputacións de Lugo e A Coruña, ou cidades como Ferrol, Lugo e A Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta