Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2019 | Actualizada ás 13:01
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dixo ver "con moita cautela" operacións como a que permitiu que este sábado foran detidos en Vigo os considerados dirixentes de Resistencia Galega fuxidos desde 2006 e apelou a respectar a "presunción de inocencia", porque mentres alguén "non sexa xulgado é inocente".
Así o expresou a líder dos nacionalistas galegos nunha rolda de prensa na que foi preguntada pola denominada Operación Lusista, que se saldou coa detención de Antón García Matos, alias 'Toninho', e Asunción Losada Camba, por pertenza a organización terrorista en grao de dirixente, tenencia e transporte de explosivos e falsidade documental.
Neste sentido, Pontón subliñou que o BNG é unha forza política "democrática" que "non acepta o uso de ningunha vía que non sexa a de defensa das ideas por medios democráticos". No entanto, admitiu que ven "con moita cautela" este tipo de operacións, porque "xa houbo outras" --dixo-- "nas que houbo persoas que foron inxustamente detidas".
Por iso, a portavoz nacional do Bloque asegurou que teñen "máxima precaución á hora de analizar e valorar" estes feitos. "Veremos, cando estes casos cheguen á xustiza, cal é o resultado final", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.