Salomónica decisión do BNG: expulsan aos edís de Catoira pero non aos de Mondariz

“Respecto as opinións de toda a xente do BNG”, asegura Ana Pontón sobre as críticas do ex voceiro nacional Guillerme Vázquez, moi crítico co feito de que o Bloque sexa instrumentalizado polo Partido Popular. A dirección provincial do PP tería impulsado estas operacións usando ao BNG en Mondariz e Catoira e ao PSOE en Fene.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/06/2019 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

A sesión de investidura dos gobernos locais o pasado sábado deixou fondas feridas abertas no BNG. A decisión do PP de apoiar aos candidatos nacionalistas de Catoira e de Mondariz, a pesar de non ser os máis votados, xerou fondas críticas en parte da militancia nacionalista. E un dos máis duros nestas críticas foi o ex voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez. E ante a avalancha de críticas, a dirección nacionalista adoptou unha decisión salomónica; suspender de militancia aos edís de Catoira, pero non aos de Mondariz.

Guillerme Vázquez e Niko Moreno nunha xuntanza na sede do Bloque
Guillerme Vázquez e Niko Moreno nunha xuntanza na sede do Bloque | Fonte: BNG

“Non son casos comparables”, tentou explicar a líder nacionalista, Ana Pontón. Así, mentres que sobre Catoira suliñou que “non van ser cómplices dun goberno co acordo do PP”, sobre Mondariz matizou que alí o Bloque “foi a segunda forza máis votada” e que a investidura foi “unha sorpresa”, aínda que Xosé Emilio Barrios sexa alcalde desta localida tamén co apoio dos populares.

Previamente, a propia Pontón, criticando os pactos do PP destacaba que “a política sen valores e principios non é política”. “Entón considera que ten valores e principios o feito de que o BNG asuma unha alcaldía cos votos do PP?”, preguntouselle. “Non son o mesmo os pactos do PP que os casos do BNG que foron votados para alcaldes sen sabelo”, dixo. “E moito menos comparable o apoio dado por Ciudadanos a Colau para ser alcaldesa. Non teñen nada que ver”, engadiu despois.

PACTOS PSOE-BNG

A salomónica dedisión do BNG de expulsar aos edís do BNG de Catoira, pero non de Mondariz, tamén se relaciona co feito de que no primeiro concello o prexudicado foi o ex rexedor socialista, mentres que no segundo, era das mareas.  O BNG mantén un acordo de goberno co PSOE nas deputacións e en moitos concellos. Por iso, tras desautorizar a operación de Catoira, Pontón pediulle á dirección socialista que propicien un cambio de goberno en Fene, onde, aconteceu o contrario; o PP, neste caso, favoreceu apoio como rexedor ao alcalde socialista a pesar de que o máis votado foi o do BNG.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón

Curiosamente, en todas estas operacións; Catoira, Mondariz e Fene, a dirección provincial popular deu o seu visto e prace. De feito, fontes da dirección do PP en Pontevedra confirmaron que houbo conversas cos nacionalistas e que, tanto no caso de Mondariz como no de Catoira sabían que ían ser apoiados polos populares. Un argumento que desmonta a explicación dada por Pontón sobre a “sorpresa” da elección do seu candidato en Mondariz.

De feito, os populares xa avisaron de que pedirán contraprestacións, mesmo asumir algunha concellería nalgún destes dous concellos. Mesmo desde o Partido Popular de Mondariz, o seu portavoz local, Iván Caamaño, asegurou que investiron o candidato do BNG coa "condición" de que en "30 días" se organice un goberno de coalición, ao entender que o Bloque "non pode gobernar só con tres edís".

CRÍTICAS DE GUILLERME VÁZQUEZ

E non son poucos os nacionalistas que consideran que o BNG foi “instrumentalizado” polo Partido Popular. Un sentimento de frustración que facía público este domingo quen foi voceiro nacional desta formación, Guillerme Vázquez. "Pois si eu fose concelleiro, que non o son, nin por activa ou pasiva permitiría que os votos do PP me fixesen alcalde. Así o penso e con toda claridade así o digo".

O ex-dirixente do Bloque arremetía así contra Xoán Castaño en Catoira e Xosé Emilio Barros en Mondariz por aceptar o bastón de mando tras recibir os votos do Partido Popular. "En Catoira, desde a dor profunda que nos causan as túas palabras, aceptámolas con moito respecto e humildade. Hai un refrán moi sabio que di que para xulgar a alguén hai que poñerse nos seus zapatos e andar cen leguas. Eu non podería andar por Catoira e mirarlle ós ollos ós meus veciños e veciñas se permito que teñan que sufrir un cacique como García catro anos máis", en referencia ao xa ex-alcalde socialista Alberto García, contestáballe a edil nacionalista de Catoira, María Paz, agora, supostamente, suspendida de militancia.

DIVISIÓN DE OPINIÓNS

Con todo, simpatizantes do BNG amósase moi dividida polo acontecido tanto en Mondariz, coma en Catoira. Algúns, e así o teñen expresado nas redes sociais, súmanse a opinión desta concelleira, ao suliñar que “hai caciques peor que os do PP” e que entenden que o Bloque ten que aceptar os votos do PP para gobernar, a pesar de non ser a forza máis votada. “E ías deixar no poder a un camándula, cacique e fascistoide que leva máis de 30 anos fodenDo o teu povo? Eu non”, contestoulle outro a Guillerme Vázquez. Pero tamén hai quen non entende a decisión do BNG local das dúas localidades.  “Hai argumentos que precisan dunha posta ao día ben reflexionada e mellor consensuada”.

“TEÑEN QUE VOLVER AO REGO”

Tamén hai quen opina que en Mondariz ten que gobernar o BNG, aínda que non foi o máis votado, para presionar aos ex nacionalistas que están en mareas locais, como é o caso desta localidade, onde gobernaba unha destas mareas. “A min o que amólame son ises irmáns descarriados (CxG, mareas varias, TEGA, etc...). TEÑEN QUE VOLVER AO REGO!!!...”. “Estou contigo no de os irmáns descarriados, pero penso que ahora en Mondariz vai a ser imposible, o final estas caralladas restan, non suman. Mais neste intre que a dereita anda repartida, non se lle pode dar osíxeno”, contestoulle outro no fío de comentarios aberto no muro de FB de Guillerme Vázquez.

Precisamente, a dirección nacionalista entende, tamén, que o caso de Mondariz é diferente ao de Catoira. Segundo apuntou Pontón, o BNG gobernará co apoio do PSOE. Deste xeito suman catro escanos –tres do BNG e un do PSOE--, fronte aos catro de Alternativa por Mondariz, que foi o máis votado. Con todo, Pontón non indicou que para gobernar, os nacionalistas tamén precisarán dos votos do PP –con dous edís-- ou de Ciudadanos –con un--, que non apoiou a investidura do candidato nacionalista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 14 comentarios

10 Bryan

Nas vindeiras eleccións haberá 3 partidos no parlamento: pp, psoe e bng. Se cadra algún representante de suciosanos tamén... O resto, fora, repartidos en mil faccións da fronte popular da judea madrilega.

9 Geloe

Pero se esta clarisimo... Uns son da upg e outros non... Ainda hai clasess 🤣😂🤣🤣

8 Fiona

Vexo moito antiBNG nestas leiras. Presuntos nacionalistas galegos que calan coma petos cando se lles lembran os pactos PP-Bildu... "Co PP non!", pero ben que enleades con canto españolista "rupturista transversal" que pillades perto... O BNG aliado do PP? Un grao non fai graneiro, o cacique ó río. Menos lerias, sipaios de Madrí!

1 eusi

Sempre choromicando e botándolle a culpa aos demais dos vosos problemas aos demais: ser carneir@ non é nada bo, a ver se o asumides! Vós botastes a todo o mundo fóra do Bnjajaja, e pactades co PPsoe antes de sabermos os resultados das eleccións. Facédelle un favor ao mundo e desaparecede

7 Pórtico

O que ten que decir Ana Pontón e se van apoiar a Valentín como presidente da Deputación da Coruña se non se arranxa o de Fene ¡¡

6 Eusi

Bnjajajaja