Temas: SENADO EN MAREA

Críticos de En Marea manteñen o pulso sobre a designación do senador e a dirección acúsaos de "transfuguismo"

A coordinadora empraza os deputados críticos a obedecer os acordos nos que se comprometían a seguir as directrices do partido.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2019 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

O Grupo de En Marea reunirase este martes no Parlamento de Galicia, un encontro no que o sector crítico co portavoz Luís Villares prevé "oficializar e formalizar" a candidatura do que foi edil de Culturas da Marea Atlántica, José Manuel Sande, como senador por designación autonómica.

José Manuel Sande (dereita) e Carlos Ares.
José Manuel Sande (dereita) e Carlos Ares.

Fontes do grupo críticas coa dirección de En Marea informaron de que o obxectivo da cita é "formalizar a votación telemática" e elaborar unha acta na que se dea conta da decisión maioritaria do grupo e non "da postura unilateral do portavoz".

E é que, estas fontes aseguraron que os servizos xurídicos da Cámara trasladaron que a decisión corresponde adoptala á totalidade do grupo e non só ao portavoz, pero que debe ser trasladada de forma presencial e cunha acta de asistencia para que a Mesa do Parlamento a acepte.

Ademais, o Parlamento galego confirmou que se esa é "a vontade maioritaria do grupo" deben "acreditala documentalmente a través dunha acta asinada polos asistentes á reunión" para trasladala á Mesa do Parlamento.

ELECCIÓN TELEMÁTICA

En concreto, o nome de José Manuel Sande, proposto polos críticos co portavoz, Luís Villares, foi elixido con oito votos favorables por só un para a opción da dirección do partido instrumental, Mariló Candedo. Na votación, desenvolvida telematicamente na noite do mércores da pasada semana, unha deputada abstívose e outros catro "non manifestaron adscrición a ningunha das dúas opcións", segundo informou o gabinete de comunicación do grupo parlamentario.

Con todo, a coordinadora do partido instrumental, na que só participan afíns a Luís Villares, expresou que non acepta o proceso de elección do senador no seo do grupo parlamentario por tratarse dunha "imposición de Podemos" coa conivencia de Anova e Esquerda Unida, todas elas organizacións que deixaron de participar na vida orgánica de En Marea.

Precisamente, na tarde deste luns, a coordinadora de En Marea mandou un comunicado aos medios a través do que esixe aos parlamentarios da formación que "cumpran cos acordos asinados en 2016" e nos que, como indicou, "comprometíanse a actuar seguindo as directrices do partido" e "en ningún caso representando intereses diferentes".

Nesta liña, sinala que "unha parte das deputadas do grupo parlamentario autonómico está a incumprir gravemente" as normas e censura as palabras nas que o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, asegurou que estes parlamentarios "apoiarán unha proposta distinta á acordada por En Marea á hora de escoller á persoa para ir ao Senado".

"Ademais de romper o acordo de 2016, Reino explica tamén que estas deputadas traballarán a partir de agora nun proxecto político diferente que non é aquel polo que foron escollidos e polo que recibiron os votos o que, na práctica, supón unha nova mobilidade de transfuguismo ao traballar desde o proxecto político que tentaron dinamitar a favor doutro", asegura a coordinadora.

Con este contexto de fondo, a reunión deste martes terá lugar antes da reunión da Xunta de Portavoces, en cuxa orde do día figura a fixación do número de senadores en representación de Galicia que lle corresponden a cada grupo parlamentario. Ademais, contempla a formación da orde do día das sesións plenarias específica para a designación de senadores e ordinaria dos días 25 e 26 de xuño.

Temas: SENADO EN MAREA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta