Membros do comité de empresa Alcoa-Coruña péchanse na Delegación do Goberno

Acusan ao Executivo central de estar evadindo as “obrigas que adquiriu no proceso do ERE de Alcoa”. Consideran que non se está a responsabilizar e a dar garantías comprometidas a comezos do 2019.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 18/06/2019 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia


O Comité de Empresa de Alcoa Coruña está pechado na Delegación do Goberno como medida de protesta ante as negociacións de venda das plantas da cidade herculina e de Avilés. “O Goberno está a desentenderse das obrigas que adquiriu durante o proceso de ERE de Alcoa”. Neste sentido, profundizan máis declarando que o Executivo central non está “a responsabilizarse das garantías ás que se comprometeu a comezos de ano”.

Protesta de traballadores de Alcoa da Coruña. CEDIDA - Arquivo
Protesta de traballadores de Alcoa da Coruña. CEDIDA - Arquivo

Ditas garantías apareceron nunha declaración oficial asinada o 17 de febreiro, entre os Gobernos central, galego e asturiano. O primeiro dos puntos asinados fai referencia á busca e captación de investidores ou compradores para as dúas plantas, así poderían iniciar a súa actividade antes do 30 de xuño de 2019.

“Os traballadores sentímonos traizoados e abandonados polo Ministerio de Industria, que nestes momentos tan importantes do final do proceso de venda, a administración non só non aparece senón que veta a representación legal dos traballadores”, apuntan no comunicado do Comité de Empresa Alcoa Coruña.

Estiman que a representación legal dos traballadores debera estar presente durante a reunión da Mesa Estatal este martes 18 de xuño. En dita reunión participará Parter, unha das empresas interesadas na compra das dúas factorías a Alcoa, xa que o outro posible investidor, Quantum, se retirou das negociacións, pois só estaba interesado nunha das factorías. Na mesa de negociación estarán tamén as diferentes administracións implicadas.

O comité de empresa sinala tamén no seu comunicado que “o Ministerio de Industria sabe que Alcoa está presionando á representación legal dos traballadores para que avalen un proxecto industrial que o propio Ministerio está evitando facer”. Segundo o comité, esta situación dáse porque se quere evitar “acometer as garantías e avais comprometidos o 17 de xaneiro” na declaración asinada ese mesmo día.

PECHE NA DELEGACIÓN DO GOBERNO

En vista da situación, “o Comité de Empresa decidiu permanecer nas instalacións da Delegación do Goberno a modo de protesta o tempo necesario, ata que o Ministerio de Industria cumpra os seus compromisos”. Así, membros do comité permanecen pechados dentro do edificio.

Como proba da súa iniciativa, o Comité de Empresa enviou dous vídeos onde os traballadores mostran a súa preocupación polo futuro. Nun dos vídeos declaran estaren anoxados por teren sido expulsados dunha reunión “onde estivemos sempre, nos mentiron, e mentres non nos convoquen a unha reunión onde estean todas as partes implicadas, nós de aquí non nos movemos”.

“Queremos que nos convoquen para a reunión que teñen hoxe co investidor Parter, mentres non se nos convoque e non se nos dean garantías abondo para o proxecto industrial da planta, permaneceremos aquí pechados, mentíronnos e nos enganaron”.

A XUNTA ESIXE AO GOBERNO ASUMIR UN COMPROMISO

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, esixiu ao Goberno central que convoque "de forma inmediata" a mesa industrial para que os traballadores da planta de Alcoa na Coruña poidan "coñecer o contido" do plan de Parter, a "única oferta vinculante" que a empresa está a negociar. Ademais, o dirixente da Xunta reclamou ao Executivo de Pedro Sánchez que garanta un prezo da electricidade que permita a viabilidade da planta, xa que "a propia proposta" de Parter "marca claramente que o prezo eléctrico é o elemento condicionante" e "nese contexto é no que o Goberno debería asumir ese compromiso".

Este martes, á reunión á que foi convocada a Xunta e o Principado de Asturias, a Administración autonómica acode "coa vontade de escoitar cal é a proposta de Parter para o futuro e a viabilidade de Alcoa". Segundo subliñou Conde, esa proposta "ten que ser desde o punto de vista industrial" e estar "vinculada ao mantemento da electrolisis e por tanto á produción de aluminio primario".

Os dous "prerrequisitos" que trasladará o Goberno galego son, en primeiro lugar, "que haxa unha participación dos traballadores, que poidan coñecer o contido do plan industrial" e, en segundo termo, "que haxa un prezo eléctrico que garanta a viabilidade do proxecto".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta