O BNG designa aos seus deputados provinciais pero pide a “desaparición” das deputacións

Os nacionalistas, que terán responsabilidades de goberno nos entes da Coruña, Pontevedra e Lugo, din que, mentras non desaparezan, traballarán para rematar co “caciquismo”. As deputacións galegas moven centos de millóns de euros en orzamentos anuais.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 18/06/2019 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

O BNG designou aos concelleiros e concelleiras que pasarán a formar parte das deputacións provinciais da Coruña, Ourense e Pontevedra. Con todo, esta formación insiste na necesidade de que “desaparezan” estes órganos administrativos, a pesar de que teñan responsabilidade de goberno neles.

Deputación de Pontevedra
Deputación de Pontevedra | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

No caso da Deputación de Lugo a designación queda aprazada até o mes de xullo, unha vez conclúan as reclamacións presentadas por algúns concellos desta provincia en relación ao resultado electoral do 26M.

Segundo informa o BNG nun comunicado, un total de oito concelleiros e concelleiras desenvolverán tamén o papel de deputados e deputadas provinciais nas mencionadas institucións en representación do BNG.  Así, na Deputación da Coruña repite esa responsabilidade polo partido xudicial de Carballo Xosé Regueira, edil no concello da capital de Bergantiños; Xurxo Couto,  concelleiro por Arteixo, dentro do partido xudicial da Coruña; María  do Carme Muíño, concelleira en San Sadurniño polo partido xudicial de Ferrol e Xosé Lois Pena, concelleiro en Brión, polo partido xudicial de Santiago.

Para a Deputación de Ourense, Bernardo Varela López, concelleiro en Allariz, e no caso da Deputación de Pontevedra repite como deputado provincial Cesar Mosquera, concelleiro na cidade do Lérez, e asume esa responsabilidade María Ortega, concelleira en Moaña, ambos dentro do partido xudicial de Pontevedra. Tamén repite como deputado provincial polo partido xudicial de Tui Uxío Benítez, concelleiro en Tomiño.

“DESAPARICIÓN”

O BNG insiste en que mantén a súa posición política en relación ás deputacións provinciais, “avogando pola súa desaparición por considerar que se trata de institucións que responden a unha distribución administrativa obsoleta”. Neste sentido, aposta pola súa supresión e por trasladar as súas actuais competencias cara a Xunta e cara os concellos, segundo corresponda.

“En todo caso, e mentres non se logra a súa eliminación, o BNG defende un funcionamento eficaz, transparente e a favor dos concellos con total independencia da cor política dos gobernos municipais”, engade nun comuicado. Por iso, aclara que traballou e seguirá traballando tanto desde dentro como desde fora dos gobernos provinciais, “para que sexan institucións libres de caciquismo e favoritismos e para que sexan entidades que xestionan os seus recursos en beneficio da veciñanza das vilas e cidades do país”.  As deputacións galegas moven centos de millóns de euros en orzamentos anuais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Roxalia

Queren vivir das deputacións provinciais e, ao mesmo tempo, que desaparezan. Do mesmo xeito que pregoan a 'soberanía de Galiza' e logo practican un nacionalismo esmolante que aspira xestionar subvencións e partidas orzamentarias de Madrid. Si amigos, así é o BNG en todo.

2 Sipero

Que mellor maneira de propiciar a desaparición das deputacións que non participando. Propoño escanos baleiros. O resto é o de "a dios rogando y con el mazo dando"

1 inxenuidade

Escanos baleiros significa que o PP gobernaría por maioría absoluta usando o diñeiro para comprar vontades por todos os sitios. Parece mentira na túa inxenuidade. O BNG se non acode o único que sae gañando é o PP.

2 Sipero

Igual me expliquei mal. O BNG pode participar no pleno das deputacións pero non necesariamente nos órganos de goberno das mesmas. Claro que iso significa adeus a vicepresidencias, adeus a varios deputado/as liberados/as e adeus a persoal de confianza. A estas alturas pensei que non era preciso esta explicación e que sabiamos do que falabamos, vexo que non. Unha preguntiña, que fixo o BNG (dende dentro) para lograr a desaparición das deputacións? NADIÑA

1 Xanc

Un feito: dende que o BNG chegou ás Deputacións, estáse vaciando de competencias. Como? Dando máis cartos aos concellos para que os xestionen a nivel local. Desto dan conta alcaldes tan dispares coma o do PP de Cotobade, Gelo de Alternativa veciñal de Oleiros ou os propios alcaldes socialistas. Nunca tanta pasta houbo para os concellos dende as Deputacións coma agora. O Bloque entrou para vacialas de competencias ata que desaparezan.