Por que non lle sae gratis á Xunta a participación do Exército na loita contra os lumes?

O ano 1999 foi o do comezo das sinaturas de convenios entre Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Defensa para a vixilancia contra os lumes nos montes. A cifra que se inviste cada ano está entre os 500.000 e 600.000 euros que van a cargo do executivo galego. Estes números inclúen unha serie de pluses que aumentarían as pagas “mileuristas” dos soldados de tropa e mariñeiría.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/06/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A “Operación Centinela Gallego” é a denominación aplicada polo Ministerio de Defensa para as operacións de disuasión contra incendiarios durante a “época de perigo alto de incendios”. Se é certo que desde 1999 había xa patrullas das Forzas Armadas, é a partir de 2007 cando se asinan convenios de colaboración co Ministerio de Defensa de forma paulatina. Estas patrullas terían unha serie de funcións recollidas no Plan de Incendios Forestais de Galicia, Pladiga, entre elas a de disuasión e colaboración doas Forzas de Seguridade do Estado, sobre todo Garda Civil e nalgúns casos a Unidade Adscrita da Policía Nacional (Policía Autonómica).

Estracto BOE con cifras convenio Medio Rural Defensa
Estracto BOE con cifras convenio Medio Rural Defensa | Fonte: BOE

“Centinela” non é gratuíto, ten un prezo que debe asumir alguén e ese alguén é a administración autonómica, mediante os diferentes convenios anuais co Ministerio de Defensa. En total cada ano os orzamentos destinados a esta operación ronda o medio millón ou case os seiscentos mil euros. O total dese diñeiro sería posto pola Consellería do Medio Rural.

OS CONVENIOS

A idea básica para despregar militares polos montes galegos era a disuasión: “Constituída basicamente polas Forzas e Corpos de Seguridade, compleméntase coa actuación de Patrullas das Forzas Armadas con misión exclusivamente disuasoria a través dun convenio co Ministerio de Defensa. Ten como finalidade exercer un efecto disuasorio nas zonas que se determinen”.  Así o recolle o punto 7.1.2 do Pladiga 2019.

Observando este punto, teriamos que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado asumen tarefas da súa competencia (como por exemplo o Seprona da Garda Civil) e a Unidade Adscrita da Policía Nacional, ou policía autonómica. Este último corpo tería competencias en materia de incendios segundo recolle o epígrafe de Funcións e Competencias da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior: “O exercicio da planificación e a coordinación dos plans e os programas dos servizos contra incendios e salvamento locais, sen prexuízo das competencias que lle poidan corresponder á Dirección Xeral de Administración Local”.

Estracto BOE con cifras convenio Medio Rural Defensa
Estracto BOE con cifras convenio Medio Rural Defensa | Fonte: BOE

Ademais disto, as patrullas das Forzas Armadas tamén realizarían labores de vixilancia nos montes de maneira itinerante. “Son desprazados cada certo tempo, ao mellor cada quince días para outro distrito, por iso non coñecen moi ben o terreo” din fontes sindicais relacionadas coa extinción de incendios. En tal caso, dentro do Pladiga existe a figura de “vixilante fixo discontinuo”. Ademais das propias patrullas do Seprona, de Axentes Forestais e as patrullas da policía autonómica que podan asumir tarefas de control, vixilancia e disuasión.

CUSTES

Antes de entrar en cifras, convén ter ben claro que é a Consellería e por extensión a Xunta, quen garante os pagamentos correspondentes por esta patrullaxe. Así o recolle o BOE do 1 de agosto de 2018, número 185. “Tercera. Financiación. La Xunta de Galicia se compromete a satisfacer el importe de los gastos que se produzcan con motivo de esta colaboración de las Fuerzas Armadas de acuerdo con los siguientes presupuestos, cuyo detalle se expresa en el anexo II”.

O convenio asinado en 2018 entre Medio Rural e o Ministerio de Defensa, establecía tanto os motivos que inspiraban esta colaboración, como os diferentes gastos asumidos  pola consellería para cubrir o traballo dos efectivos despregados en territorio galego. Así, ese ano, a cifra total era de 569.404,93 euros. Iso sendo o nivel de risco medio por lumes. Se o nivel de risco fose alto, obviamente os custes da factura aumentarían tal como se apunta no correspondente epígrafe, en 19.357,12 euros en caso de despregar as forzas necesarias. O correspondente repregamento tería o mesmo custe.

Os fondos de onde saen? A partida de orzamentos para Medio Rural en 2018 estaba en 514.865.486 euros. O Pladiga, segundo fontes sindicais da CIG, para o mesmo período rondaría os 180 millóns de euros. Outros 10.172.445 euros estarían destinados á convenios e subvencións con entidades locais e por último unha partida de 300.000 euros, tamén destinados a corporacións locais en materia de Protección Civil e Seguridade.  E todo isto contando tamén coa suma de fondos de cohesión da Unión Europea.

SALARIOS

Canto gaña un soldado ou un mariñeiro patrullando os montes galegos? "En primeiro lugar debemos aclarar que esta é unha acción “moi puntual, que aínda que teña uns pluses altos, só se aplican durante o mes ou os dous meses que esas unidades están patrullando” din fontes da Asociación Profesional de Suboficiales de las Fuerzas Armadas (ASFASPRO).

O salario dun soldado ou dun mariñeiro estaría hoxe por hoxe en 900 euros, o salario base, logo hai pluses, mais apenas chegan aos 1.000 ou 1.050 euros por mes” declaran as fontes de Asfaspro. “O caso de Galicia, as patrullas de montes, os incentivos que se poden engadir ao salario dun soldado ou mariñeiro é só unha cuestión puntual, só para os días que están despregados e patrullando”.

Os incentivos ou extras, inclúen dietas de algo máis de 77 euros para soldado e mariñeiro por día, e algo máis de 100 euros para suboficiais por día. Á parte disto, gastos de manutención segundo categoría ou grupo, poden ir desde os 28 aos 37 euros por día, tendo como límite menos de 70 euros , tamén segundo rango, categoría ou grupo profesional dentro das FF AA.

Unha suma moi por encima sobre os salarios e dietas que poden cobrar un soldado ou mariñeiro, partindo dos 1.050 euros, sumándolle as cantidades anteriores máis altas posibles, o total sería sobre 1.197 euros, case 300 euros sobre o salario base.

Realmente saímoslle barato ao Goberno, porque se comparas os salarios da Garda Civil con nós, (a Garda Civil é un corpo de seguridade con réxime militar) son moito máis baixos os nosos” din desde Asfaspro. Un axente de policía nacional podería cobrar uns 1.500 a fin de mes, en Galicia reciben complementos por valor de máis de 200 euros. Un garda civil raso andaría polos 1.700 euros por mes.

Soldados vixilando montes
Soldados vixilando montes | Fonte: Vigoalminuto
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Quequé

Porque somos unha colonia. No meu concello unha das poucas saídas laborais que teñen os mozos é meterse no exército, na guardia civil ou na policía nacional (na oficina do paro hai abondosa publicidade, case a única...). Roma viña a Galiza a por ouro e soldados... A historia é unha roda...

1 Contos non

Home non. Tamén poden ser liberados da CIG ou da Mesa nos chiringuitos públicos. É o de sempre