O eucalipto non é o responsable dos lumes en Galicia, segundo a Xunta

Medio Rural asegura que o cento por cento das parroquias denominadas de 'alta intensidade incendiaria' existentes en Galicia "non están poboadas de eucalipto" e suliña que esta especie “non está financiada con fondos públicos”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/06/2019 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, afirmou que non se poden vincular directamente as plantacións de eucalipto cos incendios forestais que se orixinan na comunidade autónoma galega. "Se se vinculan os incendios forestais ao eucalipto distorsionamos a realidade", asegurou o responsable da ordenación forestal en Galicia durante a súa comparecencia en comisión parlamentaria para presentar o Anuario de Estatística Forestal de Galicia 2018.

Así, Chan aportou argumentos que, segundo a Xunta, avalan a súa teoría xa que o cento por cento das parroquias denominadas de 'alta intensidade incendiaria' existentes en Galicia "non están poboadas de eucalipto", polo que incidiu en desvincular directamente a esta especie dos lumes forestais. "Se se lle pega lume a un ecualiptal, arde, pero tamén arderon os Ancares, o Xurés e este ano ardeu o interior da provincia de Ourense sen arboredo. Haberá outras formulacións de quen queira prender lume ao monte", dixo.

O EUCALIPTO “NON TEN FONDOS PÚBLICOS”

Sobre as plantacións de eucalipto, o director xeral asegurou ademais que "nin unha planta de eucalipto está subvencionada ou paga con fondos públicos". "Pódese opinar sobre se hai moito ou pouco eucalipto, pero o certo é que non está financiado con fondos públicos. Iso non se pode dubidar", suliñou.

Durante a súa comparecencia para dar conta dos datos recolleitos no Anuario de Estatística Forestal do ano 2018, José Luís Chan centrou boa parte da súa intervención nas comunidades de montes veciñais, cuxa capacidade de extracción sitúase ao redor dun 60 % das súas posibilidades, o cal, sinalou, "cumpre" coa media europea e sitúase por encima da estatal.

Veciños loitan contra o lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Veciños loitan contra o lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

MONTES EN MANCOMÚN

Así mesmo, explicou que en Galicia existe ao redor dun 40 % de comunidades de montes que non cumpren coa totalidade de disposicións administrativas ás que están obrigadas, e expuxo que iso se debe en moitos casos a non ter actualizada a relación de comuneiros. Este aspecto, indicou, é unha liña de traballo na que traballará a Dirección Xeral que dirixe para tratar de mellorar as estatísticas dos 3.312 montes en man común existentes en Galicia, que suman ao redor de 664.000 hectáreas.

Segundo os datos recollidos no anuario presentado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta, na comunidade autónoma existen uns 122.000 comuneiros, cunha media de 44 por monte, aínda que destaca a provincia de Pontevedra cunha media de 83 comuneiros por monte, seguida da da Coruña con 54, mentres en Lugo e Ourense a media de comuneiros por montes é inferior. Así mesmo, informou de que en Galicia existen 35 mancomunidades de montes veciñais rexistradas.

José Luís Chan manifestou que o monte galego caracterízase por ter escasa superficie de propiedade pública, só un 2 por cento do total, e sobre as empresas vinculadas ao sector forestal explicou que 113 son provedoras de material forestal de reprodución (viveiros), 473 dedícanse a prover servizos especializadas na xestión forestal, e 1.382 empresas son de aproveitamento e transformación da madeira.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Pola súa banda, a oposición foi crítica coa súa intervención. Así, o socialista José Manuel Pérez Seco criticou a redución de máis de 12 millóns de euros para planificación e ordenación forestal, e engadiu que a actual lexislatura "non é a do rural". "Necesitamos un monte sustentable, eficiente e rendible", remarcou o deputado do PSdeG.

Antón Sánchez, de En Marea, saudou a chegada do anuario que hoxe presentou o director xeral ao considerar que "é un instrumento fundamental para empezar a facer políticas forestais”. Con todo, criticou o labor das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR), das que dixo que desde 2009 só hai inscritas un total de dez sociedades destas características que aglutinan unicamente o 0,06 por cento da superficie forestal total. "A este ritmo, necesitariamos mil anos para ter xestionada toda a superficie forestal de Galicia", criticou Sánchez.

O deputado do BNG Xosé Luís Rivas dixo que en Galicia está pendente a tarefa da ordenación forestal para tratar de mitigar o gran número de incendios forestais que se producen, e criticou ao director xeral que haxa "unha serie de temas sobre política forestal pendentes dos que non falou". Neste sentido, dixo que nada se sabe" da nova lei de mobilidade de terras.

Lume nun eucaliptal preto do cemiterio de Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume nun eucaliptal preto do cemiterio de Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta