Os convocantes da folga en Atención Primaria consideran un "éxito" o paro, cunha "repercusión masiva"

Avanzan un "seguimento quincenal de como funcionan os centros de saúde" para "polo en común" e "facer balance á volta do verán"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2019 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

Os profesionais convocantes da folga de Atención Primaria este mércores 19 de xuño, no marco das Asembleas de Áreas Sanitarias de Galicia, consideran un "éxito" o paro que, ao seu xuízo, contou cunha "repercusión masiva".

Centro de Atención Primaria baleiro pola folga
Centro de Atención Primaria baleiro pola folga | Fonte: Europa Press

Un dos portavoces dos profesionais que convocaron a folga, Carlos Eirea, explicou que a repercusión da convocatoria é que "os centros de saúde estaban baleiros", en especial na "Galicia máis poboada".

Ademais, considerou un "éxito" a manifestación de profesionais de Atención Primaria deste mércores en Santiago no marco da xornada de folga, pola "cantidade" de persoas que acudiron "co esforzo que supón montar todo isto".

"O ambiente é de éxito no seguimento e no balance global", valorou sobre o paro. Os convocantes sitúan o apoio nalgunhas áreas sanitarias en case un 90%, como na de Vigo; e nun 50% en zonas de Lugo e Ourense, mentres que na de Pontevedra estivo nun 70%.

O Sergas situou o apoio na xornada de mañá nos centros asistenciais de Atención Primaria nun 21,15 por cento do persoal total chamado á folga.

Por estruturas organizativas, Sanidade apuntou un apoio do 11,4% na EOXI de Ourense; do 12,3% na EOXI de Lugo; 16,9%, na EOXI da Coruña; 20,1 na de Santiago; 29,5% na de Ferrol; 30% na de Pontevedra e 34,8% en Vigo.

O URXENTE, "ATENDIDO"

Os convocantes destacaron que os servizos mínimos estiveron "perfectamente cubertos" e "o urxente foi atendido". Con todo, os profesionais en folga piden "desculpas" pola "repercusión" nos pacientes.

Ademais, destacaron que houbo xente que se achegou aos centros de saúde que lles transmitiu que "entendían a situación" dos profesionais, aseguraron.

Tras a xornada de folga, avanzaron que tentarán "facer seguimento quincenal de como funcionan os centros de saúde", explicaron, para, tras o período estival, "polo en común" e "facer balance á volta do verán".

Ante as manifestacións por parte do Sergas da posta en marcha de numerosas medidas do recentemente aprobado plan para a mellora da Atención Primaria en Galicia, Carlos Eirea sentenciou que "está todo igual ou peor".

"Seguimos traballando para tomar medidas de mellora en Atención Primaria", incidiu o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, quen dixo que un "70% das accións a curto prazo do novo plan xa está en marcha a súa implantación".

Así, lembrou a convocatoria da OPE 2019 con 528 prazas en categorías específicas en Atención Primaria, o contrato de continuidade, 331 novas prazas neste nivel asistencial e o aumento de prazas de formación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Dignidade Atención Primaria https://youtu.be/e85k0DfROJk