Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2019 | Actualizada ás 19:42
As persoas desempregadas que teñen máis de 55 anos de idade supoñen xa o 14,8% do total de parados en Galicia, mentres que en 2009 eran soamente o 8,2%, segundo reflicte o estudo '#TuEdadEsUnTesoro' elaborado pola Fundación Adecco. Este informe indica que o total de persoas maiores de 55 sen traballo hai unha década era de máis de 13.000, mentres que actualmente son ao redor de 22.800.
O estudo foi elaborado con enquisas confidenciais a 160 profesionais de recursos humanos e a 600 desempregados, tomando como referencia os últimos datos da enquisa de poboación activa (EPA).
Así, e en vista dos datos, Adecco asegura que "probablemente a principal razón que subxace a este fenómeno é o envellecemento poboacional", ámbito no que Galicia alcanzou o seu máximo histórico do índice de envellecemento --un 195% en 2018 fronte ao 176% de hai unha década-- e que apunta a "non deixar de incrementarse" nos próximos exercicios.
En termos xerais, a fundación vincula o descenso bruto da taxa de natalidade e o incremento da esperanza de vida con que a forza laboral senior teña un peso cada vez maior, polo que se incrementa o grupo de profesionais desempregados nestas idades.
Así, Adecco ve "fundamentalmente" dúas causas pola que estas persoas contan con dificultades para atopar traballo, que son a "desactualización de competencias" tras longos períodos de inactividade e os "prexuízos e estereotipos tan arraigados no plano social e empresarial.
Neste sentido, os datos do estudo sinalan que un 83% dos responsables de recursos humanos non seleccionou ningún maior de 55 durante o último ano.
Ao ser preguntados sobre as causas destes descartes, o 40% admitiu que a idade lles xera dúbidas e alegan que os seus coñecementos "estarán obsoletos" (75%), que "terá unha menor flexibilidade" (60%), que "non encaixará nun persoal maioritariamente máis novo" (24%) ou que o seu absentismo será superior por "maiores problemas de saúde" (25%).
Por outra banda, un 45% dos responsables de recursos humanos destaca que non contratou ningún senior "porque non tivo oportunidade de facelo" ao non recibir candidatos. Por último, o 5% dá outros motivos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.