Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2019 | Actualizada ás 10:00
A Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela presenta o seu festival de fin de curso 2018-2019 “50 anos da Canción Galega”. Este festival, que se celebrará o venres 21 de xuño no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, enmárcase na liña de traballo iniciada o ano pasado con “A muller Galega na Música”, na que a Escola tenta ser centro vertebrador da recuperación e posta en valor do patrimonio musical galego.
“50 anos da Canción Galega” pretende amosar un percorrido polas diferentes vangardas estéticas e musicais das últimas cinco décadas, onde a Canción Galega foi protagonista. Poderanse escoitar cancións de grupos como Los Tamara, que en 1964 gravaron por primeira ver un EP en galego, ou Charanga do Cuco de Velle, autor de obras consideradas a día de hoxe como himnos da música popular. Tamén de Campana de Pau, grupo noiés nacido ao carón do movemento lírico iniciado por Fuxan Os Ventos ou A Roda. Non podía faltar Andrés do Barro, o único cantante que acadou un número un de vendas cunha canción en galego, maior mérito se cabe se ten en conta que o logrou durante o franquismo.
A todos estes artistas súmanse grupos máis contemporáneos como Siniestro Total e Golpes Bajos, fundamentais para entender a Movida Viguesa e verdadeiros tótems dos movementos estilísticos dos anos 80. Entrando no século XXI podemos atopar a Marful e NARF, bandas que revolucionaron o son da nova canción galega unha vez entrado o novo milenio.
PARTICIPANTES
O evento congregará a máis de cen músicos. Entre todo o alumnado da Escola formáronse dúas grandes agrupacións. Unha que integra a todos os alumnos da Orquestra, a Orquestriña de Inciación e máis o Combo de Música Moderna. A outra integra aos alumnos de Banda, Bandiña de Iniciación e Conxunto de Música Tradicional. A estas sumaranse o Coro de Adultos da Escola e máis os Coros Xuvenil e Infantil.
Ademais, co fin de engalanar a celebración, contarase coa colaboración de grandes voces do panorama musical galego, como Guadi Galego, Xabier Mera, Najla Shami, Ramón Bermejo, Nastasia Zürcher e Rocío Jiménez. O festival estará conducido polos presentadores da RTVG Moncho Lemos e Juan Fuentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.