Transportistas de carbón á central térmica nas Pontes denuncian "paralización total" desde hai dous meses

A falta de actividade motiva que o material estea almacenado no porto exterior de Ferrol. Advirten que sairán cos camións a protestar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2019 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

O presidente da Asociación de Transportistas do Carbón das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), 'Cholo' Bouza, que aglutina a uns 150 profesionais, asegurou que están "moi preocupados e parados" pola situación xerada a consecuencia da paralización do transporte deste material desde fai uns dous meses, debido á falta de actividade da térmica e que motivaron que as instalacións portuarias teñan almacenado o carbón que non se transporta.

En declaracións a Europa Press, Bouza manifestou que pasaron "de estar a comprar vehículos novos, fai tres ou catro meses, para poder dar saída ao material a, de súpeto, sen dicir nada, nin contar" con eles, "á paralización total".

Para tratar o asunto os profesionais da estrada teñen convocada para última hora da tarde deste xoves, 20 de xuño, unha asemblea xeral de todos os socios na que decidirán o que farán "a partir do luns que vén" se non teñen "antes algunha solución ao problema" que sofren.

PROBLEMAS PARA AFRONTAR GASTOS

Bouza apuntou que "agora xa hai xente que non é capaz de pagar a letra do camión, outros non poden pagar os soldos, a outros están a piques de pecharlle os créditos". "E nós non temos solución", apostilou.

Por parte da Asociación de Transportistas do Carbón, que agrupa aos profesionais que se dedican a transportar o carbón desde o porto exterior de Ferrol ao parque de carbóns da central térmica de Endesa, avanzaron que van "saír á estrada cos camións e tentar que outros profesionais que o están pasando tamén moi mal se unan".

"E tentaremos chegar de novo a Madrid, andar toda Galicia e demostrar a quen haxa que demostrar, sobre todo aos políticos, que hai que contar coa xente, as empresas e os pobos antes de facer o que se está facendo aquí", sinalou en alusión á paralización de actividade nas central térmica das Pontes nas últimas semanas.

'Cholo' Bouza tamén criticou que mentres compran "a Marrocos electricidade producida con carbón, os alemáns están co 50% de produción con carbón, en España, están a cero". "É necesario apostar polas enerxías limpas, pero facelo con sentido, non se pode pensar de hoxe para hoxe", sentenciou.

Central térmica das Pontes
Central térmica das Pontes | Fonte: Pepe do Couto en Wikipedia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta