Os homes galegos perciben unha pensión 281 euros maior que as mulleres

Máis de 60.000 pensionistas reciben menos de 430 euros mensuais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2019 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

A pensión media galega situouse en 930,58 euros en 2018, aínda que con diferenzas por sexos, xa que o importe percibido polos homes (1.071,3 euros) é 281 euros superior (+35,6%) ao das mulleres (790 euros), segundo o estudo que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE).

En 2018 había en Galicia 667.018 persoas que percibían pensións contributivas da Seguridade Social, repartidas nun 50% entre homes e mulleres. O 79,6% das persoas que perciben pensións contributivas teñen 65 ou máis anos. O grupo de idade máis frecuente é de 65 a 74 anos, tanto no caso dos homes (129.608) como das mulleres (106.425).

As pensións que perciben os homes é superior en todos os grupos de idade ás das mulleres. A maior diferenza de produce entre os 55 e 64 anos, dun 40%. O importe medio da pensión en Galicia aumentou en 145,12 euros, un 18,5%, entre os anos 2011 e 2018. Creceu en todas as provincias, na que máis foi en Pontevedra (+18,6%) e Ourense na que menos (+16,7%).

AS PENSIÓNS MÁIS BAIXAS

Así mesmo, un 10% dos pensionistas galegos, máis de 60.000 persoas, perciben menos de 430 euros mensuais. Pola súa banda, o 50% dos pensionistas (333.509 persoas) percibiron un importe medio superior aos 706 euros.

A medida que se incrementan os importes crecen as diferenzas por sexos. Máis do 25% dos homes reciben un importe superior aos 1.200 euros, pero este grupo só alcanza ao 10% das mulleres.

PROVINCIAS

En Galicia no ano 2018, o 39,6% destes pensionistas residía na provincia da Coruña; o 31,7%, na provincia de Pontevedra; e o 28,7% restante distribúese de forma homoxénea entre Lugo e Ourense.

O importe medio nas provincias da Coruña e Pontevedra é superior á cantidade media de Galicia (930,58 euros) e en ambas as provincias supera os 900 euros. O importe medio consegue o valor máis baixo na provincia de Ourense, onde se sitúa nos 816,78 euros. En Lugo está en 864 euros.

O número de pensionistas en Galicia creceu un 5,1% no período 2011-2018. A provincia na que máis subiu foi Pontevedra (+8,9%), mentres en Lugo diminúe lixeiramente.

Pensionistas. MINISTERIO - Arquivo
Pensionistas. MINISTERIO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta