Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2019 | Actualizada ás 17:48
A Xunta de Galicia propuxo unha viaxe aos anos das Irmandades da Fala a través dun gran baile de época, que se celebrará a noite do 29 de xuño na Cidade da Cultura de Santiago, no marco do 'Serán '02, o II Encontro Galego de Cultura Popular dedicado nesta edición ás bandas de música.
Na cita mesturarase o son dalgunhas das bandas máis importantes de Galicia, como as de Lalín, Santa Curz de Rivadulla, a Unión Musical de Valladares e a Lira de Ribadavia, coa música tradicional da man das charangas de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos.
A praza central do Gaiás converterase nunha pista de baile na que os participantes poderán gañar algún dos premios, que recoñecerán o mellor vestiario e á mellor parella de baile. Durante todo o día, impartiranse talleres de 'baile agarrado', gratuítos e destinados a todo tipo de público, no que se poderá aprender desde vals a mazurca ou polca.
Todo iso no marco dun Serán'02 que se celebra no Gaiás do 28 ao 30 de xuño e que reunirá a máis de medio milleiro de intérpretes de bandas de música de toda Galicia, nun intenso programa con ata 17 concertos e espectáculos.
O venres actuarán as bandas municipais de música da Coruña e Santiago de Compostela e o sábado a Unidade de Música do Terzo Norte de Infantaría de Mariña de Ferrol. O domingo o prato forte serán os dous espectáculos premiados do concurso Innova-Agadic de proxectos que exploran novos escenarios musicais e culturais. Trátase de 'O vento que nos une' da Banda Sinfónica Galega e 'Saliceta', da Banda de música de Salceda de Caselas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.