Galicia escapa á onda de calor que abrasará España

Os termómetros de boa parte da Península e Baleares superarán os 40 graos centígrados.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 24/06/2019 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

A primeira onda de calor do ano na Península Ibérica chegará este mércores, 26 de xuño, e polo menos durará ata o luns ou o martes, segundo informou a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), que emitiu un aviso especial por esta situación meteorolóxica motivada pola chegada dunha masa de aire cálido procedente de África que elevará os termómetros de boa parte da Península e Baleares ata por enriba dos 40 graos centígrados.

Verán
Verán | Fonte: Xunta.

O portavoz do AEMET, Rubén del Campo, explica que a partir do próximo mércores esta masa de aire tropical continental, moi cálida, moi seca e acompañada de po en suspensión, xunto cunha forte insolación, dará lugar a temperaturas "significativamente" máis altas do normal na Península e Baleares. Aínda que, sinalou que Canarias, as cidades autónomas de Ceuta, Melilla e Galicia e Asturias quedarán á marxe desta situación.

En canto ás precipitacións, prevense algunhas nubes e choivas en Galicia, Asturias e León, que mesmo estarán acompañadas de treboada e non descarta que poida chover en País Vasco e noutros puntos da meseta norte.

A calima ou po sahariano en suspensión aparecerá no leste da Península e Baleares este martes, á vez que as temperaturas subirán "bastante" no terzo occidental peninsular, onde se disparan ata 8 ou 10 graos centígrados e pasarán dos 18 a 20ºC deste luns por exemplo en León ou Zamora a 26 ou 28ºC; en Valladolid alcanzarán os 33ºC e en Galicia quedarán nuns 25ºC.

Respecto ao mércores, o portavoz indicou que en xeral as choivas quedarán restrinxidas, como moito, ao norte de Galicia e de Asturias, onde mesmo podería haber algunha treboada e aos poucos irase despexando a situación. 

En canto ás temperaturas, "seguirán subindo, sobre todo na metade norte" e dará comezo á onda de calor, con temperaturas que superarán os 34 graos centígrados en moitas zonas do interior e os 36ºC no val do Ebro, interior de Mallorca, zona centro e Andalucía oriental.

O portavoz engadiu que o mércores se pode chegar puntualmente a 38ºC en zonas do Ebro e do centro, mentres que en Andalucía occidental fará "menos calor", cuns 30ºC en Huelva e uns 32 ou 34ºC en Sevilla, igual que en Galicia e os litorais de Asturias e Cantabria, onde terán uns 25ºC e oscilarán entre 25 e 30ºC en Zamora e León e chegarán a uns 28 a 30ºC no litoral mediterráneo.

Tamén dixo que se xeneralizarán as noites tropicais no Val do Ebro, as rexións mediterráneas, o centro e o sur da Península, onde o mercurio pola noite non baixará de 20ºC.

De cara ao xoves, prevense ceos despexados "practicamente en todos os sitios menos en Galicia e Asturias", onde tamén podería chover debilmente. As temperaturas "poderían volver subir" en case toda España menos no litoral cantábrico, onde mesmo poderían descender lixeiramente.

Deste xeito, prognosticou que o xoves se superarán os 35ºC en "moitas zonas" do interior, nas dúas mesetas, no centro, o sur, o val do Ebro así como en zonas do País Vasco e Navarra. De feito, subliñou que se superarán os 40ºC no val do Ebro, na depresión central de Lérida, en Valladolid, no centro da Península e en Andalucía oriental, en particular en Xaén.

Pola súa banda, en Mallorca alcanzaranse os 36 a 38ºC e no interior de Galicia poderán chegar a 30ºC e entre 25 e 30ºC terán na cornixa cantábrica, mentres na costa Mediterránea estarán entre 28 e 30ºC pero no interior de Levante o mercurio subirá ata 35ºC.

O venres o ambiente "seguirá caloroso" con ascensos de temperaturas, sobre todo no suroeste e "sumaranse ao club dos 40ºC os vales do Taxo, Guadiana e Guadalquivir.

O sábado tamén se superarán os 40ºC no val do Ebro, na meseta norte, sobre todo en Valladolid, interior de Cataluña, Taxo, Guadiana e Guadalquivir. "Será unha xornada moi calorosa e só baixarán no Cantábrico, mentres no resto seguirán sen cambios ou repuntarán lixeiramente", comentou.

Deste xeito, ve "moi probable" que a onda de calor dure ata o luns e mesmo ata o martes e a calor non remitirá nin pola noite porque desde o xoves as noites tropicais serán xeneralizadas, agás no terzo norte, pero o venres, tamén superarán os 20ºC as mínimas en ambas as mesetas, Andalucía, Baleares, Murcia, Valencia, Aragón e Cataluña.

En xeral, as temperaturas colocaranse entre 5 e 10 graos centígrados por enriba do normal, pero desde o xoves, no terzo norte serán de 10 a 15ºC por enriba dos valores habituais, sobre todo no val do Ebro, Cataluña, norte de Castela e Léon. Pola contra, na cornixa cantábrica serán "un pouco máis baixas" do normal. "En xeral son temperaturas moi altas para a época", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta