O Couto Mixto, capital de fronteira

Vai para máis de vinte anos que fun visitar as estremeiras terras da raia seca na baixa Limia. Ali houbo unha entidade territorial con personalidade xurídica de seu que tiña as súas oríxes na idade media. Chamábase Couto Mixto. Un protectorado das casas nobiliarias de Bragança e Monterrei, coas mesmas peculiaridades políticas de Andorra.

Por Xosé Glez. | Redondela | 25/06/2019

Comparte esta noticia
Os seus habitantes gozaban de certos privilexios que no resto da contorna baixo os dominios dos estados español e portugués non tiñan. Unha desas prerrogativas era a democracia directa naquel contexto político de estados absolutistas. Os veciños elixían por sufraxio universal o Xuíz, presidente daquela orixinal república, máxima autoridade gobernativa, por un período de tres anos, asistido polos chamados Homes de Acordo.  Gozaba a súa cidadanía de privilexios como o de non prestaren o servizo militar, e outros de carácter económico e fiscal.
O Tratado de Lisboa de 1864, polo que de redifinían as líndes hispano-portuguesa puxo fin a aquel singular territorio, que foi finiquitado nun acto institucional celebrado en Santiago de Rubiás o 23 de xuño de 1868.
 
Pois ben, cando visitei por primeira vez aquelas terras, ríspidas e frías, só quedaban algúns veciños idosos que daban conta dos antecedentes históricos polos relatos orais dos seus pais e avós, que xa empezaban a tomar o cariz de lenda. Houbo que reconstruir a historia e diso encargouse Luís M.García Mañá. A súa obra “Couto Mixto.Unha república esquecida”, foi o punto de partida para argallarmos o ilusionante empeño de recuperarmos a memoria dun pobo. Para facelo efectivo constituímos a Asociación de Amigos do Couto Mixto. Deseñamos un plan de actuacións que se foron executando que precisión milimétrica. Cos nosos propósito chegamos ata as instancias europeas, congresos  de  deputados de España e Portugual e Parlamento de Galicia, que xa son coñecedores da existencia dese feito histórico, porque a eles lles diriximos en distintas ocasións propostas para dinamizaren o desenvolvemento territorial que impida a desertización daquel medio rural cunha axeitada planificación económica.
 
Sabedores tamén  de que a identidade cultural dun pobo precisa arrequecer o seu imaxinario con mitos e ritos, a Asociación de Amigos do Couto Mixto, apelou á sensibilidade de historiadores, etnógrafos, creadores literarios, músicos, axentes da planificación económica, para reconstuiren a identidade esvaída. E abofé que se foron conseguindo tales obxectivos. Os pobos de aquén e alén da raia teñen no Couto Mixto un centro de referencia que conta ademais co apoio dos emigrantes que dun tempo para esta parte amosan o orgullo de pertenza a aquelas terras. Ese foi o efecto positivo do traballo realizado, refrendado pola ampla participación nos actos programados pola Asociación. A isto engándaselle os moitos audivisuais realizados que contribuíron a espallar esta historia a través das canles de televisión portuguesas e españolas, na prensa internacional e nas redes sociais.
 
Para estimularmos este traballo colectivo de reconstrución,e demandar dos gobernos medidas de fomento que fagan viable a vida das xentes naquelas terras, a Asociación Amigos celebra todos os anos o acto público de nomeamento de Xuíces Honorarios  para recoñecer a aquelas persoas que salienten polo seu labor a prol do Couto Mixto.
 
Este ano serán investidos con tales dignidades, o presidente da Cámara Municipal de Melgaço, don Manoel Batista Calçada Pombal, pola súa activa colaboración co Parque natural A Peneda-Xurés, no que se encadran Concello e o Couto Mixto; dona Mercedes Vázquez Saavedra, etnógrafa e fotógrafa, natural de Sarria e veciña de Pitôes das Junias,  con casa aberta e con fume, polo seu meritorio traballo de investigación nos pobos arraianos; e don Xesús A. Díaz Estévez, natural de Lobios,  autor da primeira obra que poetiza a historia do Couto Mixto, titulada “A utopía que diluíu o vento”.
 
Todos os tres recibirán os atributos – copia da chave do arcón, bastón de mando e diploma- que os acredita como Xuíces Honorarios. O acto celebrarase o próximo día 6 de xullo,ás 12:00 horas, na igrexa de Santiago de Rubiás.

Couto Mixto
Couto Mixto | Fonte: vortegmax.net
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.