O delegado do Goberno sitúa nunha "liorta entre dúas parellas" o apuñalamento dun mozo na Coruña

Malia utilizar unha navalla de 10 centímetros que causou cortes nunha perna e tórax á vítima, o agresor non será xulgado por tentativa de homicidio, senón por lesións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2019 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, situou nunha "liorta entre dúas parellas" o apuñalamento dun mozo a outro na Coruña na mañá do luns, tras a noite de San Xoán.

Tras unha visita á Real Academia Galega (RAG), lamentou que nun "día de festa" ocorra o que situou como un "episodio puntual". "Dunha violencia concreta entre dúas parellas que acabou cun apuñalamento", expuxo. Sobre este suceso, non descartou tampouco que o "abuso do alcol" puidese estar detrás.

Rúa Alfredo Vicenti na Coruña
Rúa Alfredo Vicenti na Coruña | Fonte: Google Maps.

Tras os feitos, o mozo detido como presunto autor do apuñalamento quedou en liberdade con obrigación de comparecer no xulgado cada quince días.

Segundo informaron fontes xudiciais, o fiscal non pediu prisión provisional para o mozo porque non tiña antecedentes e as feridas da vítima eran superficiais.

Aínda que a causa chegou ao xulgado de garda da Coruña por tentativa de homicidio, todo indica que seguirá como lesións cualificadas do artigo 148.1, indicaron as mesmas fontes.

O mozo detido, E.R.T., de 20 anos de idade, foi posto a disposición do xulgado de garda da Coruña na mañá deste martes.

Uns minutos pasadas as 8,00 horas deste luns 24 de xuño produciuse unha pelexa na rúa Alfredo Vicenti, na que resultou ferido o mozo J.F.M., de 25 anos de idade.

O presunto agresor, E.R.T., de 20 anos, empregou unha navalla de dez centímetros coa que causou cortes nunha perna e tórax ao home de 25 anos, que foi evacuado ao Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac), onde xa recibiu o alta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta