Villares e o seu grupo presentarán en xullo un novo proxecto nacionalista, progresista e republicano

Un dos problemas é o nome do futuro proxecto. A marca En Marea está queimada polas leas internas e os críticos non teñen intención de desprenderse dela no Parlamento. "Quedar ou facer algo con esa marca sería un suicidio", apuntan fontes consultadas.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 25/06/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Villares e os tres deputados que marcharon con el ao Grupo Mixto, xunto coa actual dirección de En Marea, presentarán ao longo de xullo un novo proxecto político. O seu obxectivo é comezar en setembro o curso parlamentario na Cámara galega cunha nova organización e ideario programático que pivotará sobre o republicanismo, o feminismo, o ecoloxismo e o nacionalismo e que, a diferencia do actual Grupo Parlamentario de En Marea, non teña ataduras con forzas non galegas, nomeadamente, con Podemos e Izquierda Unida.

Luís Villares nun acto da pasada campaña electoral
Luís Villares nun acto da pasada campaña electoral | Fonte: Remitida

 

Precisamente, o ata hai uns días voceiro parlamentario de En Marea anunciaba que el os outros tres deputados; Davide Rodríguez, Paula Vázquez Verao e Pancho Casal, deixaban o Grupo Parlamentario  pola súa “submisión” a Podemos e tamén para poder desenvolver unha estratexia política “soberana” e “sometida aos ditados dos militantes” e non doutras forzas políticas.

 

“Queremos lanzar un proxecto renovado, que recupere a ilusión perdida durante estes anos polas leas internas e que sexa unha das voces plurais da esperanza”, dicía o pasado xoves Villares. Por iso, ese novo proxecto que ultiman para o vindeiro mes de xullo --e podería coincidir co Día da Patria Galega-- pasa polo “recoñecento da pluralidade da sociedade galega” e por integrar á “parte desa cidadanía galega que di ser progresista”.

Luís Villares e membros de En Marea
Luís Villares e membros de En Marea | Fonte: EP

 

REPUBLICANISMO E SOBERANISMO

 

Segundo a documentación consultada por Galicia Confidencial, o novo ideario político do nucleo de dirección de En Marea quere representar unha “coralidade republicana e progresista ampla” que teña no feminismo, o ecoloxismo, a xustiza social, a lgualdade e a liberdade as súas principais bases e estea apoiada nos movementos sociais e a sociedade civil de Galicia.

 

Ademais, terá como fin principal, a defensa dos intereses de Galicia. “Sentímonos galegas e galegos de razón, de corazón e de nación. E compartimos ese sentimento con toda a xente que vive e quere facer a súa vida en Galicia ou para quen sen vivir aquí, Galicia forma parte da súa vida. Unha idea que teña un correlativo político: Un soberanismo democrático onde a cidadanía galega sexa o espazo de decisión”, recolle.

 

Tamén pretende manter un “compromiso democrático inquebrantable”, informando e aprobando cos seus militantes e inscritos das decisións políticas que lles afectan.  “Unha actitude política amable, baseada nos coidados. Estamos en política para propoñer solucións e mellorar a calidade de vida da xente”. 

 

Precisamente, Villares destacaba o día da ruptura co seu grupo parlamentario que “cando alguén vén cunha solución, vén cun sorriso”. “E aquí está esta nova marea, que con humildade pero con determinación, abre un novo ciclo institucional cun sorriso á democracia social no noso País”.

 

A MARCA

 

Unha “nova marea” que, curiosamente, está orfa de nome porque a marca En Marea, ademais de estar queimada polas leas institucionais, está nun limbo legal. Segundo as fontes consultada a dirección da formación, afin a Villares, conserva o rexistro da marca, pero non o control do grupo parlamentario, co cal, hai un proceso de “bicefalia” que “entorpece e mancha calquera acción que se faga baixo o nome de En Marea”. "Quedar ou facer algo con esa marca sería un suicidio", apuntan fontes consultadas.

 

Por iso, Villares pedía o pasado venres aos críticos que quedaron coa marca na Cámara que a deixaran e adoptaran outro nome. Unha opción que, por agora, non está entre as prioridades de Podemos, EU e Anova que agardan esgotar a lexislatura con esa marca parlamentaria, aínda que poderían presentarse nas autonómicas con En Común, o nome que levaron xa nas xerais e nalgúns concellos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 19 comentarios

2 Gamela

Yolanda e Toné agora van por Madrid coma se foran GALICIA EN COMÚN https://www.encomun.gal/galicia-en-... Polo tanto están a usufructuar as marcas En Marea / UnidasPodemos / En Común / e / Galicia en Común (catro marcas para dous escanos!) // Agora Villares deberá preguntarlle a ANOVA como se quere chamar cando sexa maior? // E xa que andan preocupados polo nome eu suxírolles Galegos de Nación e se o presentan o 25 de xullo, terán bronca segura co BNG-UPG !!! Pero se queren darlle aire ás RR.SS. poden facer un concurso á procura dunha Marca Branca para o Futuro de Galicia ! Deixovos a última radiografia do que foi En Marea https://i.gal/gamela03

1 Amio 2.1

Ou sexa, queren facer un BNG pero sen calorías. Qué tal se lle poñen "BNGalicia"?