A histórica figura do arrieiro... Cando o viño do Ribeiro era o petróleo de Galicia

Despois de centos de anos, e da man da Ruta do Viño do Ribeiro, un 'arrieiro' coa súa mula fixo unha representación do que era a entrada deste ben prezado na capital galega, un ben que "encheu de riqueza toda Galicia" durante séculos.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 26/06/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O cantar do arrieiro é un cantar moi baixiño

O arrieiro na Praza de Mazarelos
O arrieiro na Praza de Mazarelos

cántano en Ribadavia, resoa no Carballiño

O historiador Xosé Luis Sobrado Pérez ten dito que "o viño do Ribeiro foi o petróleo de Galicia". A súa produción e demanda tanto dentro coma fóra do país foi moi intensa case dende a descuberta do Apóstolo de Santiago. E detrás deste ben tan prezado atopábase unha figura fundamental na súa cadea de comercialización: o arrieiro. Era un oficio duro e escravo: carreaban o viño durante horas con bestas, cabalos, e sobre todo, mulas que ían en recoa atravesando media Galicia. Cada arrieiro tiña entre sete e doce animais, e cada animal transportaba súas sete olas ou pelexos de viño, e cada pelexo contiña seus 16 litros de viño. Disposta a montaxe, partían dende as terras da boa uva cara ao lugar onde se había consumir. 

Unhas das localizacións xeográficas de maior consumo era Compostela, xa que o viño estaba moi ligado á clase eclesiástica e esta cidade era o punto de referencia relixioso. Chova, vente ou faga sol, aquel viño debía arribar á capital galega. "O primeiro mosteiro da cidade, San Paio de Antealtares, empeza a promover o viño do Ribeiro para os peregrinos que comezan a chegar. A partir de aí todos os estamentos de Compostela empezan a abrir adegas e granxas", conta o viticultor Antonio Míguez Amil. Así pois, dende aquela a trasfega de arrieiros seguidos das súas mulas cara a Santiago era unha imaxe habitual para as xentes dos séculos comprendidos entre o X e case o XIX.

Non te cases co arrieiro que leva a vida penada

nin oe misa o domingo nin durme soio na cama

A chegada a Santiago era, canto menos, pomposa; e a Ruta do Viño do Ribeiro quixo reconstruír ese ritual que tantas veces se ten producido na capital galega. Co obxectivo de salvagardar "a memoria histórica", despois de centos de anos, un 'arrieiro' acompañado do seu 'fillo' e da súa mula volveron entrar pola Porta de Mazarelos. Esta representación permitía ver de primeira man os tratos dos comerciantes co coengo, que tamén se atopaba na praza mesma.

Naquela época, todas as grandes ordes relixiosas e casas fortes de Galicia tiñan unha adega no Ribeiro. "Moitos mosteiros xa tiñan contratados os seus propios arrieiros durante todo o ano, así que os mandaban ir á granxa, alí collían os pelexos e ao chegar entraban por esta porta", relata Antonio sinalando o Arco de Mazarelos, na Praza de Mazarelos de Santiago. Ese acceso á cidade era daquela a porta do viño. Por aquela porta, moitos anos atrás, pasaron centros de pelexos de viño durante séculos. Aí mesmo era onde se lle pagaba ao oficial do gremio de mercaderes do viño da cidade, a non ser que se tratase dun encargo especial para o arcebispo. Nese caso o arrieiro arranxaba a paga co coengo. 

O cargo eclesiástico era o encargado de verificar a autenticidade do viño que entraba por Mazarelos e de tratar o prezo co comerciante. Unha vez amañados os trámites, "os pelexos ían parar aos almacéns que tiña a catedral, os coengos, os abades, os dominicos... e a veciñanza que tamén tivera granzas", prosegue Antonio. "De aí pasábase ás pipas, que se coñecían como pipas de Pondevedra ou de Ribadavia". O viticultor conta que a propiedade de viño máis importante que tivo a catedral en toda a cristiandade estaba no Ribeiro. "Era unha granxa bastísima". Cando tiña excedentes vendía para os peregrinos ou ao exterior mendiante os portos de Noia, que tamén eran propiedade dela. 

O prezo do viño do Ribeiro sempre era o referente, pero a oferta era ben máis ampla. Coma todo, dependía da época e das modas. Segundo Antonio, "había etapas de máis demanda de brancos e outras de máis demanda de tintos. No século XVII, XVIII e XIX o tinto tiña máis predicamento ca o branco". Sexa como for, o viño era un produto estrela, importantísimo na historia do noso país. "Hai moita xente que non sabe que as partidas das grandes obras de Compostela - os grandes mosteiros, a Catedral... - se encheron grazas á venda do viño do Ribeiro. E tamén en Pontevedra. Se colleses a un home do XVII diríache: 'vaia, home, se me falta o viño de Ribadabia, é como se me faltara a vida!'".

Lévame no carro leva, arrieiriño das uvas

lévame no carro leva, comerei das máis maduras

O arrieiro, xa que logo, converteuse nunha figura histórica, nun dos oficios máis importantes da tradición. Tiña sona de home solitario, mais o certo é que tamén atopaba maneiras de amenizar as súas longas andainas. Os cantos dos arrieiros son dos máis coñecidos na historia popular do país. Normalmente son lentos porque eles os acompasaban co son das súas carretas ou co andar das súas mulas. Levados polo son das palabras, estes homes percorreron o territorio de arriba a abaixo, e coñecidos e recoñecidos no seu momento, transportaban ese ben estimado que "encheu de riqueza toda Galicia".

Se queredes que isto rache

dar de beber aos gaiteiros

unha fechiña de viño

e que sexa do Ribeiro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Manuel Núñez

Interesante artigo! A principal ruta dos arrieiros da Idade Media era coincidente co camiño dos peregrinos que viñan da zona de Portela do Home. Dende o 28 de marzo de 2019 a Igrexa xa recoñece esta ruta, denominada Camiño Xacobeo da Geira e dos Arrieiros como válida para obter a Compostela, e durante o que vai de 2019 xa son decenas os peregrinos que a pisaron para chegar á tumba do Apóstol.