Denuncian ante Fiscalía as obras do parque eólico Serra do Oribio

A Sociedade Galega de Ornitoloxía alerta da ameaza para especies vulnerables.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/06/2019 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), co apoio da Fundación Oso Pardo (FOP), a Asociación para a Defensa Ecoloxica de Galicia (ADEGA) e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) vén de presentar unha denuncia, o 26 de xuño, ante a Fiscalía de Galicia contra as obras de movemento de terras e acondicionamento de pistas iniciadas pola empresa Fergo Galicia Vento, S.L. na Serra do Oribio, e que foron paralizadas preventivamente o pasado luns 17 de xuño ao non contar con toda a documentación regulamentaria.

Protesta contra as obras do Parque Eólico do Oribio
Protesta contra as obras do Parque Eólico do Oribio | Fonte: ADEGA

"O movemento de terras con maquinaria pesada desenvolveuse no lugar onde, segundo consta no proxecto, se instalarán os aeroxeradores do parque eólico Serra do Oribio", sinala a SGO.

Concretamente, apunta esta organización, "fixéronse grandes acheamentos e procedeuse ao ancheado xeral e desvío nalgúns tramos do camiño que sobe desde a parroquia de Lampazas ao cume do Oribio e que se corresponde co trazado dun antigo camiño real".

Os ecoloxistas denuncian que a construción deste novo parque eólico "pretende facerse en base a unha declaración de impacto ambiental aprobada no ano 2005, e desde entón non só cambiaron as circunstancias tecnolóxicas, enerxéticas e ambientais, senón que se aprobou o Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia que, entre outras medidas, prohibe a instalación de novos parques eólicos nos espazos da rede".

A Serra do Oribio está catalogada como Zona Especial de Conservación ( ZEC Ancares-Courel), dentro da Rede Natura 2000 de Galicia, e como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais ( ZEPVN), indican que "ten unha riqueza natural moi destacable e importantes valores etnográficos e culturais".

A zona é unha área importante para diversas especies ameazadas, destacando a presenza da tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como vulnerables e cun plan de conservación pendente de aprobación.

Desde a SGO subliñan que "ambas as especies sufriron na última década un acusado descenso da súa poboación a nivel ibérico que levou a que actualmente se estea revisando a catalogación do seu grao de ameaza para incluílas como especies en perigo de extinción".

"Neste momento do ano, ambas as especies atópanse no período crítico da reprodución, polo que as molestias ocasionadas polas obras e a destrución de distintos tipos de hábitat poden afectarlles moi negativamente", engaden.

O Oribio é, ademáis, zona de presenza recente do oso pardo, dentro do proceso de expansión natural da especie polas serras orientais lucenses que leva producíndose desde hai uns anos.

Desde a SGO consideran que o parque eólico "non é compatible coa conservación da riqueza natural e cultural deste territorio, nin co seu desenvolvemento sustentable, e non cumpre as disposicións do Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Urso

Parques eólicos, eucalipteiras, minaría... Xa queda pouco territorio galego onde o capitalismo salvaxe e depredador non metera mao. Os danos medioambientais, ecolóxicos, patrimoniais e históricos son dantescos. Deixamos ás vindeiras xerazóns un esquelete do que en tempos foi un paraiso. E todo para o beneficio duns poucos (amos e servos agradecidos). Somos unha colonia.