O PSdeG chama a Democaria Ourensana a "romper o triángulo amoroso con Baltar e Feijóo"

O secretario xeral do PSdeG entende que "as últimas rabexadas do ciclo político de Feijóo serán letais para Ourense".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2019 | Actualizada ás 15:57

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, pediu ao líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, que poña fin ao "triángulo amoroso que conforma con Baltar e Feijóo" e opte finalmente por "romper o papel escrito co PP" no Pleno de constitución da corporación provincial que terá lugar este venres.

Gonzalo Caballero con deputados socialistas da provincia de Ourense
Gonzalo Caballero con deputados socialistas da provincia de Ourense | Fonte: Europa Press

Nestes termos expresouse previamente á reunión de traballo mantida na cidade das Burgas co secretario provincial e portavoz do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, e os deputados do mandato 2019-2023, co obxectivo de "marcar unha folla de compromiso progresista na provincia".

O secretario xeral do PSdeG atribuíu ás "últimas rabexadas do ciclo político de Feijóo" o que será "un resultado letal e tóxico para a cidade e a provincia", botando man das propias palabras pronunciadas no seu momento polos axentes políticos implicados na gobernabilidade de Ourense.

Tamén aproveitou para solicitar ao presidente da Xunta de Galicia que "se pronuncie xa" e, ao seu xuízo, considerou que Feijóo debería "dar unha rolda de prensa en Ourense" acompañado de Jácome e Baltar para "mostrar as políticas municipais do PP" representadas no "único alcalde dunha gran cidade galega que conta cos votos dos populares".

Nesta liña, Caballero fixo un chamamento a Jácome que ten "sobre a mesa" a decisión de "traizoar aos ourensáns ou pór fin á política dos Baltar na Deputación".

"Os votantes de Jácome están perplexos ao ver que os seus votos van permitir a indignidade de manter a Baltar", declarou.

SISTEMA DE VOTACIÓN

Na mesma liña foron as declaracións de Rafael Rodriguez Villarino, que estimou que este venres será "un día crucial para Ourense" no que "dúas persoas con nomes e apelidos de DO terán a posibilidade de actuar para que a provincia non continúe dominada por un clan familiar".

O secretario provincial tamén se referiu ao punto cinco da orde do día do pleno de constitución do goberno provincial e que se centra na determinación do sistema de votación. A este respecto, sinalou que os socialistas lle van dicir "a todo o mundo" que a votación debe ser en sobre pechado, en urna e secreta para asegurar "a liberdade" de voto.

SUPRESIÓN DA CONCELLARÍA DE IGUALDADE

Por outra banda, Rafael Rodríguez Villarino criticou a supresión das concellarías de Igualdade e Sanidade na repartición de competencias do novo grupo de goberno. O portavoz dos socialistas atribuíu este feito "ao afán de destrución de servizos públicos por parte das dereitas do PP e DO".

Así mesmo, reclamou "a restitución inmediata" da concellaría de Igualdade, presente na corporación municipal desde os anos oitenta porque entende que "a omisión desta área supón unha declaración de intencións do papel que vai dar a nova corporación á muller" e, nesta liña, criticou a utilización como "mulleres floreiro" das integrantes da candidatura dos dous partidos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta