Os soños da razón de Cöva Gutiérrez

Achegámonos a unha deseñadora e ilustradora coruñesa que se resiste a caer na rutina, ou na aparente calma do seu traballo nunha escola de moda da cidade herculina, para transmutarse ante nós como unha deseñadora freelance. Galicia lidera as exportacións de téxtil do Estado.

Por Paco Gallego | A Coruña | 04/03/2012 | Actualizada ás 10:33

Comparte esta noticia

None

Sendo eu bastante novo tiven que poñer gafas. A causa foi un defecto visual bastante común coñecido como miopía. Ao chegar á aula cos meus novos apliques metálicos, un meu compañeiro pequerrecho preguntoume que por que as levaba. Respondín automático que era porque vía borroso. "E como é que se ve borroso?", preguntou o pícaro con grande inocencia e descoñecemento dos efectos dos defectos da visión. "Como cando a tele se ve borrosa", respondin quedando eu convencido de que aquela resposta era a máis clarificadora que se podía dar desde un neno con defecto para outro sen defecto. O compañeiro quedou como pensando, para logo espetarme abrindo moito os ollos: "E tes que levalas para poder ver en soños?". Non, non tiña, pero a historia esta amosa, unha vez máis, como o ser humano goza eliminando as liñas divisorias entre o mundo real e o dos soños (ata que apareceu o sustituto virtual das redes sociais). É como aquilo de Matrix, onde non sabes onde están unha cousa e outra. Ou non queres, que tamén. Ou non te atreves, que tamén e tamén e tamén. É este un xogo tan doado como imaxinar ter visto en realidade ao pobre Goya -xa de vello, aló polo 1820 na súa Quinta del Sordo de Carabanchel-  berrando como un poseso, apenas baixo a luz das múltiples e trémulas velas, que os soños da razón producen monstros. Non sempre, mestre, non sempre.

O de Cöva Gutiérrez é un caso singular neste noso mundo tan organizado e aparentemente tan formalizado. Unha vez completados os seus estudos universitarios -Filoloxía Inglesa- decide facer realidade o seu soño, construír sobre desexos e aspiracións, renunciar ao camiño emprendido, sobre todo cando tomas o primeiro contacto co mundo laboral, e comezar a estudar deseño de moda. Nada menos relacionado co amor, sempre útil, á lingua de Byron ou Poe. O que poucos sabían era da súa paixón polo debuxo, arte na que comezou a andar de cativa, ou pola costumización do seu propio vestiario. Así, pasado un tempo de aprendizaxe e adquisición das habilidades propias da materia, rematou sendo profesora de Deseño na Goymar, Escola Superior de Moda da Coruña. Matrix estaba cambiando para Cöva, e os cambios sentaronlle ben. E a partir de aí non parou. Adoita ocorrer.

Un dos coñecidos deseños de Cöva Gutiérrez: Red Dress

None

A súa participación en concursos de moda e pasarelas deulle pé a comezar esta nova andaina e a intentar algo tan complicado, e moitísimo máis nos decrépitos e deconstrutivos momentos económicos históricos/histéricos que compartimos, como lanzar a súa marca propia ao mercado. Cöva entendeu, e así nolo transmitiu, que existe un público -no seu caso o feminino- esixente e que procura sentirse, en certo sentido, especial coas prendas que vista. Xogando, mesmo, coa creatividade liberada e en non poucas ocasións liberadora. Partindo, pois, de que cada persoa é única e procura amosalo e socializalo, Cöva renuncia ao traballo en serie. As súas pezas son orixinais, primando no seu produto a calidade sobre a cantidade. En coherencia con isto, os materiais empregados son de primeira calidade. As sedas, plumas, algodóns e pedrería son apostas habituais nos seus deseños.

Unha das ilustracións promocionais realizada por Cöva

Entre os principais logros profesionais desta deseñadora destacamos a súa presenza como xurado do Salón Nupcial de Branco 2011, o primeiro premio na modalidade de moda baño na I Mostra Nacional de Xoves Deseñadores/s de Cantabria 2009 na sala Carpe Diem de Santander -sorprendendo cun conxunto onde primaba o branco e sobre o que se pintaban unhas grosas liñas azul celestes e dúas máis finas azul mariño (un deseño galego dunha rapaza de Fene)-, finalista no Concurso Internacional de Xoves Deseñadores/as de Camariñas 2010 e terceiro premio no Salón Nupcial de Branco 2009. Tamén resulta moi destacable que un dos seus deseños, nesta ocasión tamén dun bañador, fose escollido para a realización das fotografías oficiais de Sarah López para Miss España 2010, así como diferentes deseños para a revista 190º Magacine, o vestiario para a presentación da deseñadora Cristina Cao de Küpu -volvoreta en malaio e polinesio- marca de mobles inesperados, ou o vestiario que loce no seu blog a pintora Myriam Santodomingo. Como podedes comprobar, a búsqueda de facetas multidiversas como fórmula máxica de deseño e construción do teu propio universo de luz, cor e fantasía non atopa fronteiras en Cöva Gutiérrez. 

Un dos bañadores deseñados por Cöva Gutiérrez

Outra das facetas das que Cöva se sinte máis orgullosa é a de poñer o vestiario de diferentes artistas, como é o caso de Rebeca Ponte. No noso particular caso, coñecemos a esta xoven deseñadora no marco dun evento de protagonismo celebrado no Vaibén da modista Chus Facal, na rúa do Orzán da Coruña, chamado "Woman's World". Naquela sinerxia de propostas artísticas femininas tivemos a fortuna de coñecer á cantante canadiana de orixe catalá Luthea Salom, vestida por Chus, en unión de Cardigan Bridge, vestida por Cöva. Mesmo os máis poderosos medios de comunicación do noso País tiveron a ben adicarlle un importante espazo nas súas correspondentes seccións. Debemos lembrar que Galicia é a comunidade do Estado líder nas exportacións de textil, por diante de Madrid ou Cataluña. Este sector achega ao P.I.B. preto do 15%. Como para non estar pendentes. Na cidade herculina houbo esta semana un caso de roubo para espionaxe industrial moi sonado. A tempada primavera-verán apreta.

Precisamente é o Vaibén, rúa do Orzán, 111, un dos lugares onde poderedes adquirir deseños exclusivos de Cöva Gutiérrez. Outra das opcións cada vez máis empregada é a súa compra online. Neste caso, na web Tusvestidos.com. O enlace levaravos directamente á páxina desta deseñadora de Fene.

Fashion Sketch II.Ilustración de Cöva Gutiérrez

Esperemos que gozásedes desta artista do deseño da comarca de Ferrolterra. Nós por suposto. Máis, nunca menos, en tendencias@galiciaconfidencial.com e no noso recén estreado twitter @GcTendencias. Queremos aproveitar este momento para agradecer ao equipo directivo e redactor deste medio de comunicación galego o compromiso e o cariño co que están a recibir os nosos traballos, e a confianza depositada na miña persoa para a posta en marcha da nova sección GC Tendencias, da que este twitter é o primeirísimo paso. Desde el iremos subindo imaxes, vídeos e comentarios en tempo real desde todas e cada unha das actividades ás que asistamos. Estendede a boa nova, ese momento de consciencia cosmopolita que a miúdo nos caracteriza ás persoas que habitamos estas estremeiras terras do noroeste europeo, berce da relatividade e da creatividade sinuosa, húmida, cambiante e, como non, sombría.

None
Tags: #moda
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 Marta Peña

Enhorabuena a esta fantástica diseñadora por el gran trabajo que desempeña y por sus diseños, son todos preciosos. Así es la moda en... Valladolid

3 Black Crow

Si dependiera de la UPG, todas de negro y con bragas de esparto.

1 Súbcubo

Vaia tontería. Se non tes algo mellor que dicir, non digas nada.

2 Sara

Moi boa reportaxe. E ten razón esta deseñadora. Estades facendo moito polas novas promesas deste país. Só un conselliño; a ver se sacades tamén algo da arte na rúa ou das novas tendencias urbanas.

1 Paco Gallego

Niso estamos!!! Pero non nos chegan as vintecatro horas do día!!! Grazas!

1 Cöva Gutiérrez

Gracias Paco por emocionarnos cos teus artículos, e polo apoio constante aos artistas galegos. Nótase sempre a paixón polas letras, en cando un escribe dende o corazón o resultado non pode ser menos que excepcional. Mil gracias! Cöva Gutiérrez