Gonzalo Caballero acusa a Feijóo de facer unha "campaña de promoción persoal" apoiada en "fondos públicos"

Tamén lle botou en cara que "non resolvese" os problemas dos galegos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2019 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

O secretario xeral do Partido Socialista de Galicia, Gonzalo Caballero, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de estar "a facer unha gran campaña de mercadotecnia e publicidade institucional apoiado polos fondos públicos" e "non resolver" os problemas dos galegos.

Así o manifestou antes de presidir a reunión interparlamentaria do PSdeG, no Hotel monumento de San Francisco en Santiago de Compostela, na que participaron os deputados no Parlamento, así como os 18 representantes do PSOE galego no Congreso e no Senado, entre outros. O líder dos socialistas galegos criticou que na súa "fuxida cara a adiante" tras os malos resultados do PP nas últimas convocatorias de eleccións, "Feijóo non asume a súa responsabilidade" ante cuestións como a situación da Valedora do Pobo ou da sanidade.

"A Valedora do Pobo tivo sentenza por irregularidades graves polo seu nomeamento de persoal relacionado con cargos do PP e aínda segue no seu cargo", lembrou Gonzalo Caballero, que censurou que o presidente da Xunta non solucione unha "crise institucional" que "embaza a boa imaxe da institución". Tamén puxo de manifesto os "problemas" da sanidade, que os profesionais "alertan" que se agravan no verán.

Fronte a isto, Gonzalo Caballero sostén que "Feijóo está simplemente centrado na súa estratexia de promoción persoal e de publicidade", "tentando mostrar que ten capacidade de reacción utilizando cargos públicos nomeados por designación política, da súa confianza, para unha campaña a favor do PP". O presidente da Xunta mantivera este mes unha reunión cos altos cargos da Administración --conselleiros, directores xerais, secretarios xerais e delegados territoriais-- na que expuxera os retos para a Galicia de 2030.

"Canto máis utiliza Feijóo o poder da Xunta para a súa publicidade persoal, máis cidadáns queren botalo da Xunta, canto máis fai campaña de poder subido ao coche oficial no que leva 20 anos e máis quere controlar a opinión pública e os medios, máis reacción e voto en contra vai ter en Galicia", aseverou Caballero. Coa vista posta na situación do Goberno central, trasladou o "apoio e respaldo" dos socialistas galegos a Pedro Sánchez para buscar "o mellor mecanismo de gobernabilidade para catro anos de progreso e avance".

Neste contexto, con Pedro Sánchez sen obter de momento os apoios necesarios para ser investido presidente, Gonzalo Caballero esixiu a Feijóo que "se pronuncie con claridade e diga se a súa posición política é a dos pactos con Vox ou coa dereita moderada e liberal que representa Valls en España".

"Feijóo ten que abandonar o tempo da indefinición e o tempo do entroido político no que se disfraza dunha cousa ou outra segundo o que lle convén", lamentou. Así, instoulle a "dicirlle ao seu partido" que "non pode estar botado aos brazos da ultradereita de Vox" e a pedirlle ao seu presidente, Pablo Casado, que non abandone a "lealdade institucional" e "o respecto á forza política que gañou as eleccións".

Reunión interparlamentaria do PSdeG, en Santiago de Compostela, presidida polo secretario xeral dos socialistas galegos Gonzalo Caballero.
Reunión interparlamentaria do PSdeG, en Santiago de Compostela, presidida polo secretario xeral dos socialistas galegos Gonzalo Caballero. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta