O PSOE e o BNG reeditan a súa coalición para gobernar a Deputación da Coruña

O socialista Valentín González repite presidencia e o nacionalista Xosé Regueira substitúe a Goretti Sanmartín, centrada na súa actividade en Santiago.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2019 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

O PSdeG-PSOE e o BNG alcanzaron un acordo marco para reeditar o goberno de coalición na Deputación da Coruña, que estará de novo presidida polo socialista Valentín González Formoso e que contará cunha única vicepresidencia a cargo do nacionalista de Carballo Xosé Regueira, que substitúe a Goretti Sanmartín, centrada na súa actividade en Santiago.

Dous días antes da celebración do pleno de constitución da Deputación, que terá lugar este luns 1 de xullo, os portavoces dos grupos provinciais do PSOE, Bernardo Fernández, e do BNG, Xosé Regueira, presentaron o acordo marco, que chega tras catro anos de goberno conxunto.

O texto apunta ao compromiso común de "profundar ao longo do mandato nunha decidida política de delimitación de funcións da Deputación da Coruña, axustándoas ao seu estrito marco competencial" e "impulsar a maior transferencia de recursos económicos aos pequenos e medianos concellos".

O acordo expón tamén o "inicio dun proceso de negociación da Xunta de Galicia sobre infraestruturas, equipamentos, centros e servizos que deben ser transferidos á comunidade autónoma".Ademais, anunciouse a realización dun estudo das estradas provinciais, catalogándoas segundo as súas características, para iniciar despois un proceso de transferencia de determinados viarios á Xunta e aos Concellos.

En paralelo, fixa como dúas dos eixos transversais da acción do goberno provincial "combater o despoboamento" e "corrixir os desequilibrios territoriais", dentro dunha serie de medidas programáticas entre as que figuran potenciar estruturas de cooperación e apoio técnico aos concellos para a obtención de fondos europeos e subvencións.

Do mesmo xeito, recóllese limitar ao 4% o orzamento destinado a subvencións nominativas, terminar o cambio do modelo de servizo de extinción de incendios para que sexa realmente público e cumprir coa Lei da Memoria Histórica.

REPARTICIÓN DE ÁREAS

No acordo recóllese tamén a repartición do próximo goberno provincial en nove áreas, nas que se reflicte a diferenza na representación de ambas as forzas. O PSOE pasou de 8 a 11 concelleiros mentres que o BNG perdeu 1 e baixa de 5 a 4.

Así, créanse nove áreas de goberno, das que seis serán xestionadas polo PSOE e 3, unha menos que no anterior mandato, polo BNG. A área de Benestar e Igualdade que recaía nos nacionalistas terá agora "competencias compartidas", e transfórmase, por unha banda, en Benestar e Educación, que xestionará o PSOE e, por outro, en Igualdade, que pasa ao BNG.

Ademais, créase unha nova área, a de Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sustentable, coa idea de establecer "liñas transversais". En canto á Xunta de Goberno, que se celebrará con periodicidade quincenal, estará composta por doce membros. A Xunta de Portavoces incluirá aos de todos os grupos políticos con representación na corporación. Os plenos seguiranse celebrando os últimos venres de cada mes.

PSdeG e BNG destacaron que se estableceu o compromiso de "profundar nas políticas seguidas na Deputación da Coruña no últimos catro anos", que supuxeron "unha transformación radical do seu funcionamento" e que seguirá tendo como principios fundamentais "corrixir desequilibrios territoriais" e fomentar "a igualdade de todos os concellos na prestación de servizos básicos, con criterios obxectivos e transparentes" e "priorizando a implantación de servizos de forma cooperativa e de carácter supramunicipal".

O portavoz do PSOE na Deputación da Coruña, Bernardo Fernández (i) e o do BNG, Xosé Regueira (d), tras presentar o acordo marco alcanzado entre ambas as formacións políticas.. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
O portavoz do PSOE na Deputación da Coruña, Bernardo Fernández (i) e o do BNG, Xosé Regueira (d), tras presentar o acordo marco alcanzado entre ambas as formacións políticas.. DEPUTACIÓN DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

1 As Foxas

O BNG, todo pola pasta, nen sequera esixiu que o Psoe rectificase en FENE