Un experto internacional en seguridade mineira alerta do risco de catástrofe das presas en San Finx

Na visita de inspección ás presas mineiras, Steven H. Emerman constatou o proceso de erosión interna que, eventualmente, provocará o colapso da presa e a chegada de decenas de milleiros de toneladas de residuos altamente contaminantes á ría de Muros-Noia.

Por Galicia Confidencial | Noia | 01/07/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O venres o auditorio do antigo matadoiro de Noia recibiu durante dúas horas a advertencias do experto en seguridade mineira Steven H. Emerman sobre o estado das presas de residuos mineiros de San Finx e a chegada de metais pesados á ría, que denominou como "bomba química de reloxaría" dispostas a activarse en calquera momento. O coloquio foi organizado polo Centro de Saberes para a Sustentabilidade, ente recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas, coa colaboración de PLADEMAR e Verdegaia. 

O doctor Emerman alerta sobre o perigo que son as minas de Finx para a ría de Muros-Noia
O doctor Emerman alerta sobre o perigo que son as minas de Finx para a ría de Muros-Noia | Fonte: CEDIDA

Durante a súa presentación, Emerman non lles deu lexitimidade tanto ao proxecto aprobado pola administración da Xunta en 2009 como os recentes informes asinados polo profesor Felipe Macías. Ademais, considerou que “poñen en perigo crítico a ría de Muros-Noia”. Explicou detalladamente como empresa e administración, co aval do antigo catedrático da Universidade de Santiago, pretenden establecer unha falsidade consistente en que no río San Fins existiría un fondo natural de metais que impediría cumprir os limites legais de substancias contaminantes perigosas como o cadmio, coñecido axente canceríxeno.

Emerman está finalizando un detallado informe no que analiza con detalle a situación das minas de San Finx e desmonta un por un os argumentos e incongruencias que presentan os informes. Esta semana realizou unha visita de inspección ás minas onde foi posible comprobar os procesos de erosión interna que ameazan á integridade estrutural das presas mineiras e que, eventualmente, provocará a falla catastrófica da presa maior e a inxección instantánea de milleiros de toneladas de residuos mineiros altamente contaminantes á ría.

MÉTODO OBSOLETO

O Dr. Emerman, con 31 anos de experiencia na avaliación de presas de residuos, declarou que “non está en contra da minaría pero que nunca, en toda a súa carreira, vira presas de residuos mineiros no estado de abandono no que se encontran as de San Finx”, sendo isto especialmente grave tratándose de presas de formigón construídas segundo un antigo método británico que quedou obsoleto hai máis de medio século.

"Só quedan algúns exemplos de presas mineiras como as de San Finx nalgunhas ex-colonias británicas, na India, e en África, sendo que a maioría das estruturas desta clase ou ben colapsaron ou foron desmanteladas polas autoridades polo risco que supoñen".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta