A mina de Touro incluída nunha guía para a rehabilitación mineira do ministerio de Transición Ecolóxica

A guía analiza os riscos ambientais do peche da antiga explotación, así como os diferentes traballos realizados, especialmente coa aplicación de tecnosoles, e os resultados obtidos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2019 | Actualizada ás 19:43

Comparte esta noticia

Un estudo publicado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica inclúe a rehabilitación da mina de Touro (A Coruña) nun catálogo de recuperación de espazos mineiros. O documento científico, elaborado polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, conclúe que a mellora da calidade da auga e a implantación de cuberta vexetal sobre a antiga explotación "foi un éxito" e "mellorou a calidade das augas", aínda que a remediación "non está completa".

Segundo destacou nun comunicado o Centro de Valorización Ambiental de Touro-O Pino, esta 'Guía para a rehabilitación de instalacións abandonadas de residuos mineiros' tamén inclúe a restauración das superficies mineiras das Pontes e de Meirama no catálogo de boas prácticas.

Da rehabilitación levada a cabo na antiga mina de Touro destaca a "aposta realizada coa creación de tecnosolos á carta", que serven para corrixir os problemas presentes, mellorar as características do chan e permitir a implantación de vexetación, a fixación de carbono e a rexeneración da cadea trófica e da biodiversidade.

Así, o estudo do Ministerio conclúe que "é indubidable o nivel de coñecementos e o sentido práctico investido na devandita solución. A implantación de vexetación foi un éxito". Tamén apunta que, dado que a recuperación aínda non se completou, necesítase vixilancia durante un período de seguimento.

Para chegar a estas conclusións, a guía analiza os riscos ambientais do peche da antiga explotación, así como os diferentes traballos realizados, especialmente coa aplicación de tecnosoles, e os resultados obtidos.

Imaxe do río Brandelos remitida polo BNG tras a súa visita á mina de Touro. REMITIDA - Arquivo
Imaxe do río Brandelos remitida polo BNG tras a súa visita á mina de Touro. REMITIDA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta