Temas: VIñO VALDEORRAS

Valdeorras promociona máis e mellor que nunca os seus viños

Aproveitando a presentación oficial da Feira do Viño, que terá lugar os días 13 e 14 de xullo no Barco, o presidente do Consello Regulador puxo en valor o incremento de actos promocionais dos viños amparados neste último ano.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 02/07/2019 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

A XXII edición da Feira do Viño celebrarase, como vén sendo habitual estes últimos anos, na praza barquense de Viloira os vindeiros 13 e 14 de xullo e contará coa participación de 21 adegas -unha máis que en 2018-.

Casetas na Ferira do Viño 2018. Foto: XMF
Casetas na Ferira do Viño 2018. Foto: XMF

Na presentación do certame, o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, quixo agradecer moi especialmente a implicación das adegas presentes nesta edición e puxo tamén especial énfase en os dous días que dure a Feira “Valdeorras converterase, un ano máis, no epicentro festivo da provincia de Ourense”.

O acto inaugural terá lugar o sábado 13 pola mañá e o recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12:30 a 14:30 horas e de 19:30 a 23:00 horas. Como é habitual, a feira contará cun programa completo de eventos paralelos con actuacións musicais, actividades para público infantil e o atractivo do tren Valdeorras Expreso que facilitará os desprazamentos de ida e volta ao recinto feiral.

O cartel ilustrador da feira xoga este ano -segundo García Pando- “con elementos xeométricos, que nos evocan ao cubismo”. Ao mesmo tempo, “integra elementos curvos que evocan copas e botellas e xoga con texturas nalgunha parte da composición gráfica para axudar a crear volume na composición”, engadiu.

Importante actividade de promoción dos viños de Valdeorras

O alcalde do Barco e o presidente do Consello Regulador da DO Valdeorras presentando o cartel anunciador. Foto: Prensa CRDO Valdeorras
O alcalde do Barco e o presidente do Consello Regulador da DO Valdeorras presentando o cartel anunciador. Foto: Prensa CRDO Valdeorras

Aproveitando a presentación da Feira do Viño, o presidente do Consello Regulador de Valdeorras sacou músculo lembrando que o organismo multiplicou por dous o número de actos promocionais dos viños amparados no último ano. “Á presenza nas feiras de Londres ou Burdeos, cómpre sumar os eventos e túneles do viño realizados en cidades tan diversas como Santander, San Sebastián, Xixón, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol ou Madrid”, asegurou.

Así mesmo, tamén fixo fincapé noutras accións máis innovadoras para dar a coñecer os caldos valdeorreses como a activación dende onte luns dunha campaña de publicidade en autobuses urbanos de Vigo e tamén en interurbanos que conectan Vigo con Madrid, a participación no SilFest, a viaxe organizada á zona amparada de xornalistas e bloggers especializados ou a colaboración no vindeiro proxecto “Valdeorras denominación de cine” que servirá para promocionar o potencial vitivinícola da comarca nun concurso de curtametraxes.

Temas: VIñO VALDEORRAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta