Temas: SANIDADE SERGAS

O Sergas insiste en que manterá operativas este verán "un 88%" das camas hospitalarias

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) asegura que "manterá operativas" este verán "un 88% do total de camas funcionantes" nos hospitais da rede pública galega, "unha porcentaxe similar ao de anos anteriores".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2019 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) asegura que "manterá operativas" este verán "un 88% do total de camas funcionantes" nos hospitais da rede pública galega, "unha porcentaxe similar á de anos anteriores".

Cama de hospital
Cama de hospital | Fonte: Europa Press.

Así o indicou Sanidade despois de que o sindicato de enfermaría Satse denunciase que en Galicia se pecharán "máis de 900 camas" na época estival. A Consellería lembrou que "as camas están sempre dispoñibles ao 100% en caso de necesidade".

"Todas as áreas sanitarias do Sergas fan unha planificación tendo en conta os datos dos anos anteriores e os datos de ocupación", afirmou Sanidade.

Deste xeito, en base aos datos de veráns anteriores, a ocupación de camas de hospitais sitúase sobre un 75%, pero "sempre se deixa unha marxe dun 12-13% ata alcanzar ese 88%, porcentaxe similar ao doutros anos", matizou Sanidade.

Por tanto, subliña a Administración sanitaria autonómica, "a planificación asistencial do Sergas no período estival supera as previsións de ocupación media".

Nesta liña, defende o Sergas unha "adecuada planificación dos recursos dispoñibles" e "garante que todos os pacientes, en todos os casos, ingresan cando o necesitan nunha cama a cargo do servizo especializado adecuado para a súa atención".

Por iso, insiste Sanidade en que no verán se fai "unha reordenación das unidades de hospitalización para que os pacientes teñan á súa disposición os recursos que necesiten" e os profesionais "poidan traballar de maneira máis racional e cómoda", garantindo, destaca, "a atención naqueles procesos que non admiten demora". "Trátase de adaptar os recursos á actividade", concluíu.

Temas: SANIDADE SERGAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta