Os sindicatos piden á Xunta "non sacar peito" por unha baixada do paro "estacional" ligada á precariedade en servizos

Insisten na necesidade de derrogar a reforma laboral.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2019 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

Os principais sindicatos con representación en Galicia --UGT, CC.OO. e CIG-- ligaron a baixada "estacional" do paro en xuño a un aumento da precariedade no sector servizos. Por iso, chaman á Xunta a "non sacar peito" polo descenso do desemprego.

Camareiro.
Camareiro.

UGT alerta de que "empeora" a calidade do emprego en Galicia, mentres se "incrementa" o risco de pobreza e exclusión social nos fogares galegos. Por iso, empraza o Goberno central a derrogar as reformas laborais, así como a mellorar a protección por desemprego.

Remarca que o feito de que se necesiten case 100.000 contratos para crear 6.786 empregos dá mostra dos altos índices de "rotación e precariedade na contratación", con especial incidencia no sector terciario.

Nesta liña, a CIG lamenta que "a precariedade xa é o elemento que define o mercado laboral", con contratos "de escasísima duración" e "puramente estacionais", con "baixos salarios".

"Ou logramos reverter esta situación ou camiñamos cara a unha situación social sen saída", advirte o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen denuncia a negativa do Goberno de Pedro Sánchez.

Pola súa banda, CC.OO. deixa claro que "a precariedade aumenta mes a mes e concéntrase no sector servizos". "Con este modelo de emprego dificilmente podemos dicir que Galicia estea a crear emprego", agrega.

Así mesmo, a secretaria de Emprego de CC.OO., Maica Bouza, censura que no último mes fixeron falta 14,5 contratos para cada nova alta na Seguridade Social, un dato que empeora o do mes de maio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta