Nova edición do CanteiraFest: música e feminismo encherán Vilaboa

O Festival desenvolverase o 20 e 21 de setembro e actuarán, entre outras moitas, Ses, As Punkereteiras, Vudu, Pelepau, Paula Docampo, Señora DJ ou Flow de Toxo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/07/2019 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

A asemblea da mocidade de Vilaboa presentou o cartel definitivo dunha nova edición - a segunda - do festival Canteirafest, que este ano estará dedicado ás mulleres do Mar, e máis concretamente, ás mariscadoras. A cita terá lugar o 20 e o 21 de setembro na canteira das lapas en Paredes, e segundo explica o presidente do colectivo, Rafa Malvar, contará cun 80% de artistas femininas ambos os dous días. Entre elas atópanse Ses, As Punkereteiras, Vudú, Pelepau, TNT, Os Meninos, Paula Docampo, Collón de Lola, Flow do Toxo, A banda da Loba, Sheila Patricia e Señora DJ.

A organización do CanteiraFest
A organización do CanteiraFest | Fonte: CanteiraFest

O Canteirafest xorde no ano 2018 para fomentar a cultura galega e o feminismo no concello de Vilaboa. A organización do evento consideraba necesario autoxerar políticas feministas e para a mocidade no lugar. Desta querenza nace este festival multidisciplicar e que pretende abranguer a toda a familia. Así pois, ademais dos concertos, ofrecen tamén actividades paralelas.

Segundo comenta Natalia Dasilva, o festival contara cun espazo propio para as mais pequenas e con actuacións para elas. Ademais, durante os dous días poderanse ver exposicións de pinturas de diversas artistas e unha exhibición de pintura urbana. En paralelo, produciranse tres coloquios baixo os títulos de: "Estamos ante a terceira ola feminista?"; "o papel da muller no desenvolvemento rural"; e "a situación da muller no panorama cultural galego". Tamén está previsto impartir un curso de defensa persoal só para mulleres. Como homenaxe ás mariscadoras e ás mulleres do mar, proxectarase o documentario Doli, doli, doli e as conserveiras, e decorarase todo o festival con motivos do mar.

Para este ano contaremos con acampada vixiada no pavillón municipal de Vilaboa e con autobuses ata o festival dende Vigo e Pontevedra, que farán distintas paradas ao longo do concello e no propio festival. Carla García, outra das organizadoras do Festival, sinala que este ano, todas as transaccións económicas do festival se farán en Crollos, a moeda oficial do Canteirafest.

Dende a Organización tamén queren convidar a todas e todos os interesados a participar da cea que van organizar, o día 19 de Xullo, na Canteira de Paredes para recadar fondos para o festival.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta