Xunta e Cruz Vermella crean un sistema de xeolocalización para o coidado dos maiores

O Goberno galego destinará 2,8 millóns de euros para desenvolver este servizo de teleasistencia avanzada que se irá incorporando progresivamente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2019 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

A Xunta e a Cruz Vermella puxeron en marcha en Galicia o servizo de teleasistencia avanzada que por primeiro vez integra conxuntamente a funcionalidade da teleasistencia convencional con capacidades de monitorización. Así, Galicia convértese no "primeiro lugar" en implantar un sistema de xeolocalización a través do GPS de dispositivos móbiles para o coidado de maiores.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, xunto coa presidenta de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, foi a encargada de presentar en rolda de prensa este novo programa que evitará "descoidos" entre aquelas persoas maiores ou enfermas.

A teleasistencia avanzada non suporá custo adicional para as persoas beneficiarias do actual servizo, a modalidade básica. A Xunta destina 2,8 millóns de euros nos próximos tres anos á extensión deste novo sistema que, ademais da asistencia domiciliaria, incorpora como funcionalidades adicionais a teleasistencia móbil e a xeolocalización da persoa usuaria.

Esta cantidade permitirá, ademais, que o número de persoas beneficiarias aumente un 20% ata alzancar os 7000 usuarios, segundo indicou a conselleira. O servizo funciona as 24 horas do día os 365 días do ano e permite facer un seguimento do estado e comportamento dos usuarios e usuarias así como actuar ante calquera emerxencia sempre que sexa necesario.

Para iso, o programa inclúe a incorporación de novos dispositivos, teléfonos móbiles e pulseiras intelixentes, que serán un "complemento" ao colar do botón de teleasistencia básica da Cruz Vermella.

SINAL GPS

Grazas ao sinal GPS dos móbiles ou pulseiras intelixentes coas que se dotarán aos usuarios deste programa, tanto a Cruz Vermella como os familiares poderán estar ao corrente de calquera tipo de movemento da persoa maior.

Así, este sistema permite establecer unha zona de seguridade, aquela na que adoite atoparse a persoa maior. Unha vez configurada esta zona de seguridade, a alarma saltará cando o usuario saia da área establecida previamente.

Este é un sistema moi útil, sobre todo, para enfermos de Alzheimer ou persoas que padezan algún tipo de demencia, segundo indicou a conselleira, que destaca que con este programa de teleasistencia avanzada "dáse un paso máis" no coidado dos maiores.

VIXIAR A RUTINA

A teleasistencia avanzada funciona mediante o emprego dunha pasarela intelixente que, mediante unha rede de sensores, permite a monitorización da rutina vital do usuario na vivenda. Algunhas das súas vantaxes son: permitir a prevención de riscos no fogar e garantir a seguridade e ter un mellor coñecemento das pautas de vida da persoa para detectar cambios nos seus hábitos que indiquen posibles deterioracións do seu estado cognitivo.

Así, permite a instalación de sensores de gas, fume e mesmo de apertura de portas no domicilio do usuario. Desta forma, poderase analizar a rutina do usuario, ademais da inactividade.

Fabiola García nun acto da Cruz Vermella. XUNTA
Fabiola García nun acto da Cruz Vermella. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta