O Parlamento galego organizou 48 charlas este curso para estudantes ás que asistiron uns 3.500 alumnos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2019 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia organizou durante o curso 2018-2019 un total de 48 charlas divulgativas para alumnado de ESO, Bacharelato, ciclos formativos e universitarios, nas que participaron uns 3.500 alumnos.

Segundo informou o Parlamento galego nun comunicado, o ciclo de charlas divulgativas sobre o Parlamento de Galicia púxose en marcha no ano 2011 para dar a coñecer a institución ao alumnado de ESO e Bacharelato. Na súa primeira edición participaron 20 centros.

Ademais, explicou que as charlas "quedan en suspenso" cada vez que se produce unha convocatoria electoral, "razón que se traduciu nun parón durante o primeiro semestre de 2019, derivado das dúas citas coas urnas --xerais e municipais--". "De non ser por esa razón, probablemente se superase a marca do curso 2017-2018", destacou o Parlamento, no que se celebraron 58.

As charlas son impartidas por ex deputados da Cámara "desde unha óptica plural na medida en que habitualmente participan representantes de tres formacións políticas diferentes", indicou o Parlamento.

Esta actividade comeza cun vídeo sobre o Parlamento e, tras a exposición de cada un dos conferenciantes, o alumnado abre unha rolda de preguntas. "A boa aceptación da iniciativa levou ao Parlamento a estender a iniciativa ao ensino universitario", indicou.

Esta actividade organízase coa colaboración da Asociación de ex deputados da Cámara e conta con "unha crecente aceptación entre a comunidade educativa", engadiron as mesmas fontes.

Pleno do Parlamento de Galicia durante a sesión de control ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. XUNTA DE GALICIA
Pleno do Parlamento de Galicia durante a sesión de control ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta