A Policía reforza a súa presenza no verán e prepara un dispositivo específico para o Apóstolo

Co obxectivo de garantir a seguridade en zonas turísticas axentes vixiarán praias e tramos do Camiño de Santiago.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2019 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

A Policía Nacional, no marco da 'Operación Verán Seguro 2019', reforzará a súa presenza para garantir a seguridade nas zonas turísticas durante o verán e prepara un dispositivo específico para as Festas do Apóstolo en Santiago de Compostela.

Así o informou a Xefatura Superior de Policía de Galicia, que lembrou que a 'Operación Verán 2019' comezou o 1 de xullo e estenderase ata o 31 de agosto.

En Galicia, do mesmo xeito que no resto de España, aos axentes de seguridade cidadá destinados expresamente a esta operación uniranse os que, en breve, comezan o seu período de prácticas tras finalizar a súa formación na Escola Nacional de Ávila.

Todos eles, destacou a Policía, "vixiarán as principais vías de comunicación, estacións, portos, aeroportos, hoteis, praias ou calquera zona de alta concentración turística, reforzando as medidas de seguridade en espectáculos e acontecementos que supoñan grandes concentracións de persoas".

En especial, destacou a Xefatura Superior de Policía de Galicia, "vixiaranse as zonas de praia e distintos tramos do Camiño de Santiago". Ademais, establecerase un dispositivo específico para as Festas do Apóstolo.

AXENTES LUSOS

Tamén, como nos últimos anos, para reforzar a atención ao turista, e no marco da iniciativa 'Comisarías Europeas', prestarán o seu servizo en Galicia, conxuntamente con membros da Policía Nacional, axentes da Policía de Segurança Pública portuguesa.

Os axentes portugueses despregaranse en Santiago de Compostela do 16 ao 27 de xullo e en Vigo entre o 1 e o 13 de agosto, "datas de especial afluencia de turistas nesas cidades", destacou a Policía.

"O obxectivo desta iniciativa é ofrecer ao turista unha atención integral na área de seguridade cidadá, con policías que falan a súa lingua orixinaria e que coñecen os procedementos legais propios do país no que se atopa", explicaron as mesmas fontes policiais.

"As patrullas conxuntas supoñen, ademais, un paso máis na colaboración e cooperación policial internacional, favorecen a mellora da atención ao cidadán e permiten consolidar o concepto da seguridade transfronteiriza", valorou a Policía Nacional.

Catedral de Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo
Catedral de Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta