Nova edición dos Xogos do Eixo Atlántico, o maior encontro deportivo da eurorrexión

Desta vez Braga converterase na capital do deporte. A inauguración, o luns 8 de xullo, será unha gran festa onde desfilen as delegacións das 26 cidades participantes acompañadas de grupos etnográficos e actuacións musicais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/07/2019 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

Os Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrarán ata o día 12, inaugúranse o vindeiro luns 8, en Braga. Xa van 24 anos impulsando o Deporte sen Fronteiras e nesta décimo terceira edición participarán 1.800 mozos e mozas inscritos en nove modalidades: balonmán, baloncesto, fútbol 7, voleibol, atletismo, atletismo adaptado, natación, natación adaptada e tenis. Ademais, contará coa participación de grupos etnográficos e actuacións musicais.

Presentación dos Xogos do Eixo Atlántico en Lugo na edición pasada.
Presentación dos Xogos do Eixo Atlántico en Lugo na edición pasada.

Os deportistas desfilarán polo centro da cidade onde estarán precedidos por grupos etnográficos: unha comitiva de romanos do Braccara Augusta abrirá o desfile. Seguirana intercalados entre as representacións as figuras de Xigantes e Cabezudos da Romaría de Nossa Sra da Agonía de Viana do Castelo, as caras de Bragança, e os gaiteiros da Deputación de Lugo.

 

Así será anunciado no acto de inauguración presidido polo alcalde de Braga, Ricardo Rio, o presidente do Eixo Atlántico, Alfredo Rodriguez, e o Secretario de Estado de Deportes de Portugal, João Paulo Rebelo.Tamén estarán presentes representantes políticos das 26 cidades participantes. Entre eles atópanse os alcaldes das cidades de Pontevedra, O Carballiño ou Sarria e os tenentes de alcalde e concelleiros das demais cidades participantes. Contará coa presenza do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao e a do presidente do Grupo de Traballo de Deportes da entidade e vicepresidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Gaia, Guilherme Aguiar, ademais de representantes políticos e sociais da rexión Norte e de Braga.

DEPORTE ADAPTADO

Como vén sendo habitual nos Xogos do Eixo Atlántico, esta edición tamén integra varias modalidades de deporte adaptado, coa participación de máis de 130 persoas, case o dobre que na anterior edición, en liña coa filosofía do Eixo Atlántico de eliminar barreiras e fomentar a participación de toda a mocidade. Ricardo Río, alcalde de Braga, reiterou o forte compromiso da cidade coa organización desta competición, que "se asume como unha oportunidade de aproximar os pobos, mostrar o talento da rapazada e a dinámica deportiva e asociativa dos municipios do Eixo Atlántico".

O ÚNICO EVENTO DEPORTIVO TRANSFRONTEIRIZO DE EUROPA 

Desde a súa orixe, en 1995, esta competición é unha das principais bandeiras do Eixo Atlántico e un factor de gran mobilización de deportistas. Os Xogos están dirixidos á promoción do deporte, á convivencia entre a mocidade e, tamén ao mellor coñecemento entre os cidadáns das dúas rexións. Realízanse de dous en dous anos e constitúen un evento deportivo transfronteirizo único en Europa. As dez cidades que participarán en Braga por Galicia son O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos, Santiago de Compostela, Lugo, Carballo, Sarria, Ourense, Vilagarcía, Vigo e O Carballiño. 

No trascurso do acto farase entrega do Trofeo "Jogo Limpo" Nelson Cardoso correspondente á anterior edición e que recaeu no municipio de Monforte de Lemos. Así mesmo, homenaxearase a Serafín Carballo, membro do Grupo temático de Deportes en representación do concello de Lugo. Cabalo foi atleta e nos últimos 16 anos ata a súa recente xubilación foi responsable de Deportes no concello de Lugo. O outro homenaxeado é Mário Manuel Silva, atleta portugués retirado especializado na proba de 1500 m, na que conseguiu ser medallista de bronce europeo en 1990.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta