A nosa terra

No conxunto do mundo as mulleres constitúen, como media, o 43% da man de obra no campo e en algúns lugares chegan ao 70%. Comparten coas dos ámbitos urbáns a desigualdade e a discriminación, pero no seu caso é moito máis grave, sobre todo no acceso –moi limitado- ao crédito, á saúde e á educación.

Por María Xosé Porteiro | Vigo | 08/03/2012

Comparte esta noticia

O 60% das persoas con fame crónica son mulleres ou nenas, e as crises alimentarias, económicas e climáticas, non fan máis que agravar a situación. As mulleres do rural representan un papel fundamental tanto nos países en vías de desenvolvemento coma nos desenvolvidos, pois contribúen ao progreso agrícola, melloran a seguridade alimentaria e axudan a reducir os niveis de pobreza nas súas comunidades. 

Se as mulleres tivesen un acceso equitativo aos fertilizantes, as sementes e as ferramentas, o redendemento das súas explotacións agrícolas medraría nun 20 ou 30%, de tal xeito que a producción agrícola total nos países en desenvolvemento podería aumentar desde o 2,5 ata o 4%. Traducido en números humanos suporía reducir as persoas con fame entre o 12 e o 17% - entre 100 e 150 millóns - en función da rexión do mundo contemplada e da amplitude da brecha de xénero preexistente. Ademáis de maior productividade e crecemento económico, incidiríase tamén na mellora social, porque cando as mulleres controlan máis ingresos, gastan máis ca os homes en alimentos, saúde, vestido e educación para os seus fillos, o que redunda en consecuencias positivas para o benestar inmediato e para a formación de capital humán. 

Pero para chegarmos aí é preciso que os programas e as políticas agrícolas teñan en conta a dimensión do xénero e facer ouvir a voz das mulleres en pé de igualdade a prol do desenvolvemento sostible. Michelle Bachelet, responsable de ONU Mulleres, ente creado para a igualdade de xénero e o empoderamento da muller, en 2011, cando se cumprira o centenario da instauración do Día Internacional da Muller,  escribiu a respecto disto:  
“Non se poderá atopar ningunha solución duradeira aos principais cambios actuais – do cambio climático á inestabilidade política e económica – sen o empoderamento pleno e sen a participación das mulleres do mundo. Simplemente non podemos seguir permitindo a exclusión das mulleres. A súa participación plena na esfera política e económica é fundamental para a democracia e a xustiza, que é polo que claman as persoas. A igualdade de dereitos e oportunidades conforma a base das economías e das sociedades saudables (...) Se se lle desen ingresos, dereitos á terra e créditos ás mulleres habería menos nenas e nenos desnutridos (…) porque maiores niveis de igualdade de xénero teñen unha correlación positiva cos niveis máis altos do producto interior bruto per cápita (…) e  reduciría a pobreza considerablemente”.
 
Algo parecido ao que Rosalía de Castro deixou escrito no prólogo de Follas Novas (1880), cando denunciaba que o maior problema da Galicia daquel tempo era a situación das mulleres labregas. Este paralelismo ven a conto -moi a conto- porque nesta edición de 2012 a ONU propuxo como lema do 8 de marzo "Habilitar á muller campesiña - Rematar coa fame e coa pobreza". Nós, que vivimos na Fisterra europea, 132 anos despois daquela reflexión da nosa devanceira, debemos seguir comprometidas coa mellora da vida das mulleres rurais porque están en situación de maior vulnerabilidade e son, aínda, as máis invisibles. 
 
Lembralo hoxe é reivindicar a memoria das nosas avóas, nais, tías ou primas, que sostiveron tantas veces soas as familias e que nos legaron o amor pola terra. Paso previo e necesario para sentir un auténtico amor e compromiso coa Terra. A nosa, e a outra.mxporteiro@gmail.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
María Xosé Porteiro María Xosé Porteiro naceu en Madrid nunha familia de orixe galega e asturiana. Viviu dos 4 aos 14 anos na emigración, en La Habana. Posteriormente instalouse en Vigo onde traballa no sector da comunicación desde finais dos anos 70. É autora de varias publicacións que abranguen ensaio, biografía e narrativa. Militante do PsdeG, foi concelleira en Vigo, deputada no Parlamento galego e no Congreso español, membro do Consello de Europa e Delegada da Xunta de Galicia no exterior. En 2009 foille concedida a Encomenda ao Mérito Civil polo Consello de Ministros.