Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2019 | Actualizada ás 16:54
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), acaba de publicar a lista das 25 pequenas e medianas empresas (pemes) seleccionadas para participar nun proxecto piloto para aumentar a súa competitividade e innovación apoiándose no deseño centrado nas persoas.
Así, tal como explicou a Xunta nun comunicado, as empresas seleccionadas pertencen a sectores "moi diversos", como son o TIC, a formación, a alimentación, o deseño ou a construción, entre outros.
Esta iniciativa enmárcase dentro do 'Programa de Deseño para a Innovación 2020', unha actuación do Goberno autonómico para impulsar o crecemento da economía galega a través da incorporación e a sistematización do deseño nas empresas como motor de innovación e de competitividade.
En concreto, inscríbese no proxecto europeo 'User Factor Design for userdriven innovation', financiado polo programa Interreg Atlántico, que ten como obxectivo apoiar a pemes no desenvolvemento de novos produtos e servizo innovadores mediante o uso de ferramentas de deseño centrado no usuario.
ACCIÓN PILOTO
A experiencia piloto consiste nunha acción de asesoramento para a definición de servizos ou produtos innovadores que integren o deseño. Un total de 13 empresas integraranse no itinerario de deseño de servizos e 12 no de produto.
O asesoramento estará a cargo de deseñadores expertos con experiencia nestes campos e constará de varias fases, como o diagnóstico da empresa para establecer o seu nivel de deseño ou un plan de mellora de servizos ou produtos con accións detalladas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.