A Xunta organiza acampadas no monte Gaiás para achegar a rapazada á natureza

Os participantes na actividade, que se desenvolverá en xullo, poderá descubrir e coñecer mellor a fauna e a flora dos espazos naturais do monte Gaiás, así como gozar dunha xornada de convivencia, talleres e xogos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2019 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia organiza ao longo deste mes 'Unha noite no Bosque', unha acampada nocturna con monitores para nenos de entre 10 e 13 anos no Bosque de Galicia, que levará a cabo os venres no monte Gaiás.

O obxectivo desta proposta do programa 'Verán no Gaiás' é "achegar aos máis novos á natureza da súa contorna máis próxima, transmitir e fomentar os valores de coidado e respecto polo medio ambiente", segundo informou a Xunta mediante un comunicado.

Os participantes nas acampadas poderá descubrir e coñecer mellor a fauna e a flora dos espazos naturais do monte Gaiás, así como gozar dunha xornada de convivencia, talleres e xogos.

ITINERARIO

As actividades de 'Unha noite no Bosque' comezarán cada venres ás 19,00 horas cunha visita guiada polos espazos arquitectónicos do Gaiás, na que os nenos poderán descubrir todos os espazos do complexo deseñado por Peter Eisenman, así como achegarse "dun modo diferente" ao traballo do arquitecto norteamericano.

A continuación, acompañados polos monitores, montarán o campamento no Bosque de Galicia. Despois de cear todos xuntos, participarán nunha ruta polo bosque e polo Parque do Lago, titulada 'Os sons da noite'.

Nesta actividade descubrirán a fauna e flora deste espazo natural e aprenderán a recoñecer os sons característicos dos habitantes do monte Gaiás á tardiña. A noite acabará "ao máis puro estilo dos campamentos de verán" con lendas e historias á luz das estrelas.

O sábado pola mañá, tras o almorzo e recoller o campamento, os participantes asistirán a un taller de nós básicos e a outro destinado a repasar mediante fichas e cantos a fauna nocturna descuberta a noite anterior.

ENTRADAS XA DISPOÑIBLES

Os mozos que queiran participar nesta actividade deberán levar saco de durmir, esterilla, utensilios de aseo e roupa cómoda e de abrigo, mentres que a cea e o almorzo serán proporcionados pola organización. A través das páxinas web www.cidadedacultura.gal pode consultarse toda a información, así como acceder á venda das entradas.

OUTRAS ACTIVIDADES

'Unha noite no Bosque' é unha das actividades integradas en 'Verán no Gaiás', que ofrece unha variada oferta de actividades para "fomentar a creatividade dos máis novos".

Entre as actividades deste programa están campamentos urbanos relacionadas con exposicións do Museo Centro Gaiás. 'Camiño ao Gaiás' e as visitas 'Astronómicas' completan a oferta pensada para toda a familia en contacto coa natureza.

Cidade da Cultura no Monte Gaiás
Cidade da Cultura no Monte Gaiás

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta