A Xunta ampliará a cobertura de hospitalización a domicilio ao 100% do territorio

O presidente da Xunta anuncia que o servizo, que agora atende ao 75% da Comunidade, pasará a funcionar sete días á semana. "Estamos a deseñar a sanidade da próxima década", asegura.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 08/07/2019 | Actualizada ás 11:14

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o Consello aprobará este xoves o Plan galego de Hospitalización a Domicilio 2019-2023, que dará cobertura ao 100% do territorio galego e funcionará os sete días da semana.

No seu discurso durante unha visita á unidade de Hospitalización a Domicilio do Hospital Marítimo de Oza na Coruña, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, Núñez Feijóo avanzou na ampliación "de forma definitiva" deste servizo que na actualidade dá cobertura ao 75% do territorio. 

Dependencia.
Dependencia.

"Conseguiremos que haxa un médico todos os días do ano no domicilio dos pacientes", apuntou respecto da ampliación do servizo que agora cobre cinco días á semana. Núñez Feijóo considerou que esta ampliación suporá "un paso enorme" porque evitará "miles de ingresos" nos hospitais galegos. "Marcará un antes e un despois", engade. 

Na actualidade, as 15 unidades e os 45 equipos atenden en Galicia a 5.000 pacientes. Unha cifra que se verá incrementada tras a ampliación deste servizo, que permitirá a contratación de persoal, tanto médicos como enfermeiros, segundo adiantou Núñez Feijóo. Precisamente o dirixente do Goberno galego defendeu que este ano se convocaron 1.300 novas prazas para profesionais na sanidade pública de Galicia. "Hoxe temos 2.300 persoas máis traballando que en 2009", sostivo.

"O MONUMENTO COLECTIVO MÁIS IMPORTANTE"

"Nunca tanto traballou o persoal do servizo de saúde", continuou o presidente da Xunta, que confía en que a lista de espera do primeiro semestre de 2019, que se dará a coñecer nos próximos días, "traia bos resultados".

Na súa intervención, Núñez Feijóo precisou que a sanidade pública é "o monumento compartido máis importante". Un "monumento", di, sobre cuxas bases "seguirá construíndo" a Xunta para que sexa "máis sólido" e "útil". "Estamos a deseñar a sanidade da próxima década", engadiu.

Así mesmo, en relación á área sanitaria da Coruña, o presidente do Executivo galego espera que "antes de que finalice o próximo trimestre" haxa unha decisión en relación ao futuro hospital publico da cidade herculina. Ampliar as actuais instalacións ou construír un novo complexo sanitario noutro emprazamento son as opcións que baralla a Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta