Varias entidades presentan preto de 40 medidas "por un monte galego con futuro"

Reclaman anular a revisión do plan forestal e critican a estratexia da Xunta contra o cambio climático.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2019 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

Entidades sociais, do rural, sindicais e ecoloxistas presentaron este luns preto de 40 medidas que forman parte da súa proposta 'Por un monte galego con futuro'.

En rolda de prensa en Santiago, déronse a coñecer algunhas das súas propostas que pasan por unha moratoria indefinida da plantación de eucaliptos, así como o impulso dunha lei que favoreza a multifuncionalidade do monte e a obrigación de reservar un 30% para bosque autóctono en plantacións forestais.

Neste sentido, reclaman á Xunta a retirada da revisión do plan forestal por promover "a ocupación de 35.000 hectáreas máis" de eucalipto, á vez que cargan contra a estratexia galega contra o cambio climático por falta de ambición e potenciar máis o carbono.

As entidades que apoian este manifesto son: Adega, Asociación Frouma , Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), Amigos da Terra, Colectivo Agrocuir da Ulloa, CIG, Comando Ghichas do Valmiñor, Federación Rural Galega (Fruga), Montegal, Organización Galega de Comunidades de Montes (Orgaccmm) e Sindicato Labrego Galego (SLG). Está previsto que convoquen unha manifestación por Santiago no mes de outubro.

MEDIDAS

Entre outras medidas para afrontar "a perda acelerada de biodiversidade" en Galicia, estas entidades avogan por unha redución progresiva da superficie ocupada por eucaliptos, así como pola eliminación de plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonas. Tamén urxen un inventario de masas frondosas autóctonas, ademais de pór en marcha axudas directas e exencións fiscais para o mantemento de bosques autóctonos.

No tocante á loita contra os incendios, avógase pola recuperación dos 100 metros de anchura para as redes secundarias de xestión de biomasa, o incremento das distancias de plantacións forestais a terras de cultivo e zonas habitadas, xunto á promoción do pastoreo e a gandaría en extensivo.

Ademais, hai diferentes iniciativas como crear unha nova lei de montes veciñais, potenciar a mobilidade de terras abandonadas a través do Banco de Terras e incrementar a xestión pública dos montes con fins conservacionistas.

Plantación simbólica de eucaliptos en Pontevedra. EUROPA PRESS - Arquivo
Plantación simbólica de eucaliptos en Pontevedra. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta